Pleno da Cámara galega / PARLAMENTO DE GALICIA
“Ir en postos de saída“. En épocas preelectorais un bo termómetro para medir o peso dos dirixentes das diferentes formacións políticas é o lugar que ocupan nas candidaturas da súa organización. Así, por exemplo, no caso das eleccións ao Parlamento galego, un dirixente do PPdeG da Coruña gaña relevancia se é situado por riba do duodécimo posto. O mesmo acontecerá na mesma circunscrición electoral se un socialista concorre nos primeiros oito postos ou un membro do BNG entre os catro primeiros. Cos resultados dos comicios de 2009 na man, en condicións normais estas colocacións nas listas garantían acceder a un acta do deputado, aínda que dous anos e medio máis tarde a realidade amosa que eses postos de saída se situaban moito máis abaixo, especialmente no caso dos populares, ata o punto de que case un terzo da composición da Cámara, vinte e catro deputados en concreto non é, cando menos directamente, resultado do votado polos electores.
A dimisión do deputado conservador Javier Escribano por estar a ser investigado nun caso de presunta corrupción é, ata o momento, o último cambio nun hemiciclo no que nunca chegaron a sentar todos os candidatos elixidos polos cidadáns. Outra dimisión exprés forzada no seo do PPdeG, a do número un por Ourense, Luis Carrera Pásaro, provocou que o primeiro movemento se producise en plena campaña e, aínda que legalmente non era posible modificar a candidatura, o ex responsable de Caixa Ourense nunca chegou a sentar no Pazo do Hórreo. Aínda que por un motivo ben distinto o mesmo aconteceu coa viguesa Corina Porro, que non recolleu á súa acta e, tras semanas de incerteza, acabou atopando novo destino na presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo.
Unha vez constituída a Cámara, a conformación do novo Goberno e a doutrina popular segundo a cal ningún membro do Executivo de Alberto Núñez Feijóo seguiría sendo deputado provocou a primeira vaga de cambios. Así, abandonaron as súas actas parlamentarias os conselleiros Alfonso Rueda, Beatriz Mato, Agustín Hernández e Rosa Quintana. Ademais, marcharon con rumbo a San Caetano outros electos como José Manuel Álvarez-Campana, Susana López Abella ou Raquel Arias, todos para ocupar cargos políticos na Xunta. Seguir lendo