Poucos coñecen xa o ‘campión’

14 Out

“Case nos pelexábamos por levar os seus asuntos”. Quen fala é un empregado dunha xestoría luguesa. En pleno rebumbio a conta da Operación Campeón, lembra cun punto de nostalxia os nada afastados tempos nos que o empresario Jorge Dorribo chegaba “perfectamente peinado, coas súas gafas de marca e os seus zapatos caros” á oficina na que el traballaba. A visita de Dorribo significaba facer unha paréntese entre os asuntos habituais para, por exemplo, realizar algún trámite vinculado a un vehículo de alta gama ou informarse sobre produtos financeiros para mellorar as condicións dos traballadores de Laboratorios Nupel.

O relato deste administrativo -quen se esforza en subliñar que “todo” o que alí tramitaba Dorribo era “perfectamente legal”-, igual que o doutros empregados das empresas coas que tiña contacto habitual pode ser un bo resumo do papel social que chegou a adquirir na cidade de Lugo o agora considerado presunto líder dunha suposta trama para lograr axudas económicas das diferentes Administracións por vías alleas á lei. En apenas unha década o empresario que despegara grazas á creación dun produto para o coidado de tecidos de pel construía un emporio empresarial con base na cidade da Muralla. A medida que os seus negocios medraban, medraba tamén a súa presenza en círculos económicos e políticos. Así, a finais da pasada década era difícil que Dorribo non estivese presente na práctica totalidade de acontecementos de relevancia, compartindo charlas, mesa e mantel con empresarios, executivos, banqueiros e tamén con políticos de todo signo.

Se nalgún ámbito a relevancia de Dorribo ía aumentando exponencialmente ese era o deportivo. Entre a admiración xeralizada e tamén algunha envexa, o propietario de Nupel destinou fondos á práctica totalidade dos equipos da cidade. Así, o logotipo dos laboratorios apareceu na indumentaria do Club Deportivo Lugo ou  do Emevé de voleibol e o empresario sentaba no consello de administración do Club Baloncesto Breogán, chegando a estar o seu nome nas quinielas para ocupar a presidencia da entidade. Ademais, Dorribo foi a alma máter do Nupel Racing Team, o equipo de ralis que, comandado por Luis Moya na área deportiva, quedou ás portas do mundial desta especialidade automobilística.

Do Igape á área de servizo de Guitiriz

Os tempos en que unha xuntanza, un viño, unha fotografía ou un saúdo de Dorribo cotizaban á alza en Lugo comezaron a rematar cando se comezou a falar de dificultades económicas nalgunha das case vinte empresas nas que estaba vinculado. Con todo, a súa relevancia social mantívose ata que, a finais do pasado maio, a xuíza Estela San José puña en marcha a Operación Campeón, un operativo que implicou ata 15 detencións nun só día, entre elas, a do propio Dorribo e a de dous altos cargos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o seu director, Joaquín Varela de Limia e un dos seus subdirectores, Carlos Silva.

É neste punto onde as presuntas ilegalidades que se lle imputan a Dorribo saltan á area política. Dende o máis alto da Xunta decídese apartar dos seus cargos aos dirixentes do Igape e dende PSdeG e BNG reclámanse maiores responsabilidades e mesmo se suxire a necesidade de que o titular de Industria, Javier Guerra, cese no seu cargo. Mentres, dende o PPdeG, déixase caer que é posible que a presunta trama afecte tamén a socialistas e nacionalistas.

Tras estes sucesos, a vertente política do asunto semellaba quedar en vía morta e, mentres periodicamente xurdían informacións verbo das débedas de Nupel ou dos problemas de xestión da empresa, na capital luguesa eran poucos os que recoñecían ter admirado, adulado, apoiado ou colaborado con Dorribo.

Este era o escenario ata que, a comezos do presente mes de outubro, o diario El Mundo reactivaba o caso, sacando á luz pública un treito do sumario xudicial -sobre o que se mantén o segredo- no que o empresario aseguraba ter pagado comisións a cargos políticos co obxectivo de obter axudas públicas. A acusación afectaba aos tres partidos parlamentarios, aínda que a entidade dos acusados era ben distinta: polo PP o sinalado era Pablo Cobián, voceiro conservador en Oleiros e deputado de perfil baixo, coñecido no Pazo do Hórreo por celebrar sonoramente as intervencións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Mentres, no BNG Dorribo disparaba contra Fernando Blanco, deputado e ex conselleiro de Industria, e no PSOE nada máis e nada menos que contra José Blanco, ministro de Fomento, voceiro do Goberno central e vicesecretario xeral do PSOE.

Mentres Pablo Cobián e Fernando Blanco decidían deixar os seus respectivos cargos, o rotativo madrileño continuou debullando as acusacións de Dorribo contra Blanco, que anuncia accións legais inmediatas e reclama a fin do segredo do sumario. As novas céntranse especialmente nun encontro do ministro e o empresario na área de servizo da autoestrada A6 na vila luguesa de Guitiriz no que, supostamente, o propietario de Nupel tería reclamado o apoio do socialista para lograr subvencións do Goberno de España.

Neste escenario, o guión da Operación Campeón aínda gardaba un novo xiro. O pasado martes, o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, aproveitaba a sesión de control ao presidente da Xunta para revelar que Feijóo tamén se reuniu con Dorribo. Tras esas reunión, salientaba Vázquez, Nupel obtivo axudas xestionadas pola Xunta -que non chegaría a cobrar pola detención de Dorribo-. Na propia sesión parlamentaria Feijóo recoñecía que ese encontro existira, se ben matizaba que se producira “con luz e taquígrafos” e non “en gasolineiras”. Horas despois, a Xunta remitía aos medios unha extensa nota de prensa detallando as circunstancias do encontro e diversos cargos do PPdeG repetían ata a saciedade o argumentario esbozado polo presidente da Xunta. Dous días máis tarde, o presidente admitía que esa reunión foi xestionada polo deputado Cobián.

A incomodidade nas filas populares por ver a Feijóo mesturado -aínda que sexa colateralmente- no caso e a incerteza do BNG polos efectos que o caso pode ter na súa base social conforman a actual paisaxe dun caso no que, sobre todo, permanece un interrogante: se as acusacións de Dorribo contra o ministroBlanco -que non está imputado- e a súa amplificación mediática poden truncar unha eventual folla de ruta cuxo final puidera ser un cartel electoral do PSdeG para as autonómicas coa fotografía do actual titular de Fomento como aspirante á presidencia da Xunta.

Unha resposta a “Poucos coñecen xa o ‘campión’”

Trackbacks/Pingbacks

  1. Ninguén lle votou a un terzo dos deputados « Asento 76 - 31 de Outubro de 2011

    […] dous tras seren sinalados polo incausado empresario Jorge Dorribo nas súas declaracións sobre a Operación Campeón. Así as cousas, a composición da terceira parte do Parlamento é xa resultado de movementos […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: