A Xunta agarda que o coche de Baltar “chegue a bo destino”

17 Out

Guerra (terceiro pola dereita), na presentación do proxecto/XUNTA

Vinte e tres de marzo de 2011. A menos de dous meses das eleccións municipais, o conselleiro de Industria, Javier Guerra, comparece ante os medios compartindo mesa co presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez, e varios altos executivos da compañía británica Xero.  En plena poxa de promesas electorais, o Goberno galego compracíase en anunciar un “firme compromiso”: achegaría “apoios públicos por case 11 millóns de euros” para que unha factoría de vehículos eléctricos se instalase na zona, nomeadamente no Concello de Melón. O investimento total na fábrica sería de 26 millóns e traduciríase en máis de 1.000 postos de traballo. Oito meses despois, a actitude do Executivo galego mudou notablemente e limítase a desexarlle un “bo destino” ao proxecto.

Esta é, precisamente, a resposta que o departamento de Guerra lle vén de dar a senllas preguntas parlamentarias que, presentadas por PSdeG e BNG, cuestionaban a Xunta sobre a instalación da factoría e as axudas económicas que recibirá Xero. En dous textos idénticos, Industria asegúralle a socialistas e nacionalistas que, “como é habitual nestes casos”, a consellería se limitou a “facer públicas as previsións de axudas públicas” que podería recibir o proxecto, sen maiores implicacións adicionais.

“Como é natural -explica o Goberno- un investimento de tan importantes dimensións precisa contar con socios capitalistas locais para poder ser abordado con maiores garantías de éxito”. É precisamente neste “momento” no que “se atopan os impulsores da iniciativa”, di a Xunta. A continuación, o Executivo evita concreción ningunha e conclúe que as explicacións sobre “as características finais do proxecto” e tamén a súa “localización definitiva” lles “corresponden aos promotores do investimento”.

‘Vendido’ en Intereconomía entre dúbidas sobre os terreos

Non é esta a primeira vez que a Xunta recúa tras o entusiasmo inicial da presentación do proxecto. Apenas unha semana despois de situar o plan de Xero como a vía para “situar Galicia en primeira liña dun cambio de modelo industrial”, o propio Guerra reducía a factoría de vehículos eléctricos a un simple “anuncio de intencións”.  Segundo revelaba o diario El País, a parcela que se lles ofrecera aos executivos británicos no Concello de Melón é propiedade de ata 200 persoas distintas.

Así e todo, xunto a esa mesma rectificación Guerra amosábase convencido de que o titular da Deputación lograría atopar a “localización máis positiva” para a fábrica sen saír da provincia. Poucos días antes, o propio Baltar aproveitara a emisión dende Ourense do controvertido programa El gato al agua, da canle Intereconomía, para garantir o investimento, enmarcalo -como xa fixera a Xunta- no plan Impulsa Ourense e mesmo ironizar coa posibilidade de que os vehículos alí fabricados pasasen a denominarse “baltarcitos”, dado o seu traballo no plan. Polo de agora, mantéñense as “intencións”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: