Indicadores nas cubertas do Arquivo de Galicia, no Gaiás / DAVID LOMBAO
A tesoira volveu caer aberta da mesa e volveu impactar na cultura, desta volta, na súa base. Na mesma xornada en que o Consello da Xunta inicia formalmente os trámites dos Orzamentos Xerais de 2012 -unha xuntanza extraordinaria do Executivo dá este martes luz verde ás contas- o Goberno galego culmina un proceso que fará que os colectivos culturais galegos vexan o seu futuro inmediato un pouco máis costa arriba, se cadra tan empinado como as cubertas da Cidade da Cultura.
Cinco meses despois de tela publicado, a Consellería de Cultura vén de “deixar sen efecto” a orde que, ditada o pasado maio, aprobaba “as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a fundacións, asociacións e institucións culturais que desenvolven as súas actividades en Galicia”. O montante económico que o departamento dirixido por Roberto Varela prevía destinar a estes subsidios elevábase aos 300.000 euros e a súa finalidade non era outra que impulsar o “funcionamento” destas entidades culturais e “a realización de programas e actividades culturais” a través das mesmas.
Ademais do impacto inmediato nas previsións de ingresos de asociacións e fundacións culturais, a anulación destas axudas adquire un duplo significado, tanto no económico como no político. No que á cuestión económica se refire, este recorte pode supoñer un avance do que está por vir, dado que dos 300.000 euros de axudas, tan só 50.000 correspondían aos Orzamentos de 2011 e o resto, 250.000 euros, prevían incluírse nas contas de 2012, as mesmas que a Xunta comeza a tramitar este martes. Xa no eido político, esta decisión supón deixar sen soporte económico a filosofía que inspiraba as axudas e que se incluía na súa convocatoria, isto é: “a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego”.
Xustificación do recorte
Para atopar a xustificación que se ofrece dende a Xunta para este recorte abonda con consultar o Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, no que a Consellería publica a correspondente orde. Sinala Cultura que é a “política orzamentaria” do Goberno, “que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos”, a que fai “necesario efectuar un axuste”
Do mesmo xeito, o documento asinado por Roberto Varela subliña que “cómpre deixar sen efecto esta convocatoria de axudas” co obxectivo de “cumprir a normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público”. Dentro desa normativa “en materia de estabilidade” incluiríanse non só normativas xa rodadas no tempo como a Lei de Réxime Financeiro e Orzamentario de 1999 -que aplica o principio xeral de non comprometer máis gastos que ingresos-, senón tamén a recentemente aprobada Lei de Disciplina Orzamentaria, unha norma que constriñe en boa medida a marxe de manobra financeira do Executivo cunha filosofía moi semellante á da recente reforma da Constitución. Así, polo tanto, esta anulación de axudas en Cultura podería verse reproducida noutras áreas da Xunta cunha idéntica xustificación.
Deixar unha resposta