A conselleira de Traballo, nun acto sindical / XUNTA
“Intentar paliar, na medida das posibilidades que temos, os efectos devastadores no emprego da crise económica”. Esta é unha das declaracións intencións lanzadas o pasado martes pola Xunta ao trazar as liñas mestras dos seus Orzamentos de 2012. Mentres esas contas do vindeiro exercicicio se comezan a tramitar no Parlamento, o propio Goberno galego continúa a realizar axustes “coa finalidade de poder cumprir con obxectivos de estabilidade orzamentaria da Facenda da Comunidade Autónoma”. Ese cumprimento, admite a Xunta en varias ordes publicadas no Diario Oficial de Galicia, deriva en “medidas de recorte” que, desta volta, fan caer un 73% os 5,7 millóns que a Consellería de Traballo destinara para fomentar o emprego en distintos ámbitos ao longo de 2011.
Nomeadamente, o departamento que dirixe Beatriz Mato aplicou a tesoira nos últimos días a tres liñas diferentes de axudas. A que contaba cunha maior dotación orzamentaria ata este xoves tiña como obxectivo o “fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro”. Dentro deste paquete, as institucións beneficiarias podían optar ou ben polos subsidios para a “contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as e mulleres vítimas de violencia para a realización de obras ou servizos de interese xeral e socia” ou ben por unha subvención para “contratación de axentes de emprego e unidades administrativas de apoio”. A suma de ambas liñas supuña un montante global de axudas de 2,4 millóns de euros que, tras o recorte, queda en 1,2 millóns.
Tamén sofre unha importante tesoirada a liña de axudas que, a priori, ía dirixida a un dos puntais da política de emprego da Xunta: incentivar que os traballadores galegos se convertan en emprendedores. O pasado marzo, traballo puña en marcha o “programa das iniciativas emprendedoras e de emprego”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e cunha dotación total de 1,9 millóns de euros que agora queda en apenas 292.000 euros.
O terceiro dos axustes afecta a unha área especialmente sensible, os 850.000 euros cos que o Goberno galego buscaba a “promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego” e subvencionaba as “unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego”. Esa contía inicial, resultante da suma de catro apartados dos Orzamentos de 2011, queda en 13.660,55 euros, o que, a efectos prácticos deixa nunha mínima expresión o amplo abano de obxectivos expostos ao presentar as axudas.
A modificación de axudas para fomentar o emprego chega, por último, ás subvencións que, sobre o papel, deberan impulsar o “cambio de modelo produtivo” que, dende diferentes instancias, se ten situado como vía para comezar a ver a luz ao final do túnel da crise. Trátase do “programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica” que, entre os fondos da Xunta e da Unión Europea, chegaba inicialmente ata os 600.000 euros e que, tras o recorte, queda en 38.778.
Eliminación do fomento ao cooperativismo
Xunto cos recortes nestas catro liñas de axudas, Traballo remata de apretar o cinto non recortando, senón eliminando outro paquete de subvencións, as publicadas o 31 de decembro de 2010 para axudar “aos concellos e outras entidades locais de Galicia” na “realización de actividades de promoción e fomento do cooperativismo”.
Segundo a orde publicada tamén no DOG deste mércores, a “política orzamentaria” da Xunta e a necesidade de acadar o “equilibrio” entre ingresos e gastos obriga a deixar “sen efecto” estas axudas. Neste caso, elimínanse dúas vías de financiamento: 400.000 euros procedentes do orzamento da Dirección Xeral de Relacións Laborais e unha “reserva” de 160.000 euros máis para crear “oficinas de fomento cooperativo”. En ambos casos, estas dotacións económicas pasan ao caixón de asuntos anulados.
Deixar unha resposta