Fachada principal do Pazo de Meirás / XUNTA
Das múltiples refregas políticas entre o Goberno bipartito e a oposición do PPdeG a suscitada en torno á declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural (BIC) e a súa conseguinte apertura ao público foi unha das máis mediáticas. O resultado ditado polas urnas o 1 de marzo de 2009 provocou, non obstante, que fose o Executivo popular o encargado de xestionar o treito final e máis delicado do proceso, o inicio das visitas ao recinto que fora propiedade de Emilia Pardo Bazán pero cuxa controversia vén dada por ter sido residencia de verán de Francisco Franco, a quen se lle entregou o edificio a través dunha cuestación forzosa por parte das forzas vivas da ditadura. Ao abrirse o pazo, o pasado marzo, xurdían algúns interrogantes: habería compensacións económicas para a familia do ditador? O peto dos contribuíntes viríase resentido coa apertura de Meirás?
Sete meses despois algúns deses interrogantes foron xa respondidos de maneira máis ou menos explícita polo Goberno galego, se ben o volume de cartos públicos destinados ata o momento a abrir Meirás pode oscilar, cando menos, entre uns 9.500 euros e algo máis de 30.000. A primeira destas cifras era revelada no Parlamento o pasado abril. A preguntas da oposición, o secretario xeral de Cultura, Antonio Fernández Campa, recoñecía que, malia “non existir ningunha obriga recoñecida” na Lei de Patrimonio Cultural, a Xunta considerara “axeitado” asumir os custes da seguridade do inmoble durante as visitas, pactadas coa familia Franco a través dun convenio. Campa estimaba o custe da seguridade do pazo nuns 9.513 euros para todo 2011, cifra que podería “variar lixeiramente” en caso de ser necesarios reforzos puntuais, especificaba.
Vacacións en Meirás, preguntas e novo gasto
A resposta de Campa semellaba satisfacer, cando menos parcialmente, as preguntas da oposición. Ou polo menos así foi ata o mes de agosto, cando as visitas foron temporalmente suspendidas ante a chegada da familia do ditador para pasar uns días de vacacións. Os custes de seguridade, argumentaba a Xunta, serían elevados para conciliar a presenza dos Franco e a dos visitantes. Esta decisión escandalizaba a oposición e tanto o PSdeG como o BNG presentaban senllas preguntas parlamentarias no propio mes de agosto para coñecer os plans de Culturaa respecto das visitas a Meirás, así como o custo do servizo da seguridade.
Ambas preguntas escritas eran respondidas polo Goberno a mediados do presente mes de outubro. Nos dous documentos a Xunta evitaba concretar os cartos públicos que foran parar á empresa de seguridade que custodia o pazo, se ben sinalaba que a decisión de pechar en agosto viña motivada porque eses custos experimentarían “un importante incremento”. O asunto, remataba o departamento que dirixe Roberto Varela, fora solucionado pactando un novo calendario de visitas “sen incrementar” os “custos estimados anunciados”, isto é, os 9.513 euros.
Pero a versión transmitida polo Executivo galego a socialistas e nacionalistas vén de ser desmentida dende a propia Xunta. En virtude da Lei de Transparencia do ano 2006, as consellerías están obrigadas a facer públicos os convenios que asinan cada cuadrimestre. Así, Cultura vén de dar cumprimento a esta obriga, véndose forzada a publicar que no mes de agosto -nomeadamente o día 5- asinou unha “Addenda ao convenio entre a Consellería de Cultura e Turismo e a propiedade do Pazo de Meirás para a apertura e visitas públicas ao devandito pazo”. O custe desta engádega foi de 23.000 euros, admite, polo que o pagamento asumido pola Xunta para abrir a que fora residencia de verán de Franco sería xa, polo menos, de 32.513 euros.
Deixar unha resposta