Logotipos das catro deputacións provinciais
Os Orzamentos da Xunta para 2012 veñen de comezar o seu trámite parlamentario. É, polo tanto, o momento para que o conxunto da sociedade galega coñeza cales van ser as contas do Goberno para o vindeiro exercicio económico pero tamén para que obteña unha perspectiva de canto gastan e de como gastan as deputacións provinciais, institucións cuxa utilidade vén sendo cuestionada dende hai décadas dende diferentes foros, cuestionamento que a galopante crise económica está a agudizar.
En virtude do estipulado no Estatuto de Autonomía, os Orzamentos do Executivo galego incorporan unha memoria do último exercicio económico dos entes provinciais para, cando menos sobre o papel, promover a coordinación coa Xunta, en base a unha análise das contas das catro deputacións coas mesmas variables. Este método permite, por exemplo, coñecer un dos datos máis elocuentes sobre estas entidades: o que gastan en gobernarse, un montante agrupado polos técnicos da Administración autonómica baixo o epígrafe “órganos de goberno”, que en 2011 acadou unha cifra global de 13,22 millóns de euros entre as catro institucións e cuxa distribución é posible observar doadamente mediante un gráfico:
Fonte: Orzamentos Xerais da Xunta para 2012
Tal e como amosan as barras, o goberno máis caro dos catro entes é, con diferenza, o da Deputación de Pontevedra (PP), que destina a esta partida 5 millóns de euros fronte aos 4,9 do ano 2010. Máis parello está o gasto en gobernanza das tres deputacións restantes, aínda que con leves matices: mentres que a Deputación de Ourense (PP) incrementa levemente este gasto, pasando de 2,7 a 2,8 millóns, a de Lugo (PSdeG-BNG) converte o gasto de 3 millóns de euros en órganos de goberno en 2010 nun total de 2,8 millóns. Pola súa banda, a da Coruña (PSdeG-BNG ata xullo, PP na actualidade) reduce os 2,7 millóns de hai un ano ata os 2,6 actuais, sendo así a máis barata neste ámbito.
Así as cousas, malia á crise económica as deputacións provinciais manteñen uns gastos de órgano de goberno que, cos seus 13,22 millóns de euros, superan por exemplo os 11 millóns que a Consellería de Presidencia gastará na Administración local ao longo de todo o ano 2012. Son estes datos extraídos duns orzamentos provinciais nos que o gasto corrente acada xa o 64,7% do total dos fondos que se manexan. Dentro dese gasto corrente ocupan un lugar significativo os millóns que teñen como finalidade sufragar os gastos de persoal. Esa partida, a das nóminas, poderán vostedes lela -se queren- mañá nesta mesma casa.
Deixar unha resposta