O Gaiás xera ingresos?

28 Out

Nubes sobre a Cidade da Cultura / DAVID LOMBAO

“É incrible que alguén poida construír isto”. “Este edificio é unha tolería”.  Son algunhas das frases que o condutor do programa Megaconstrucciones, producido por Discovery Channel e tamén emitido por laSexta, lle dedicou á Cidade da Cultura. No seu paseo polo compostelán monte Gaiás, o documental glosaba a “delirante marabilla” de 265.000 metros cadrados e deixaba caer varias preguntas indisimuladamente: que impulsa a unha Administración pública a iniciar este proxecto? Como o financia? Cando menos no ámbito político, a primeira das preguntas  foi xa máis ou menos respondida en diversos foros. A segunda volve estar de actualidade nestes días, despois de que a Xunta anunciase, a través do presidente nos titulares e do conselleiro de Cultura nos detalles, que os edificios que quedan sen construír no complexo continuarán así, cando menos, ata 2014. Despois, asegura Alberto Núñez Feijóo, serán “os galegos” os que “decidan” que facer.

Un lixeiro mergullo nos arquivos parlamentarios permite coñecer ou, cando menos, contextualizar un pouco a segunda parálise das obras do Gaiás, tomada por un Executivo do mesmo signo que o que as iniciou e de signo oposto que o primeiro que as parou. Poucos días antes do anuncio de Feijóo a Consellería de Cultura remitíalle á vicevoceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, unha resposta a unha pregunta escrita. A nacionalista cuestionara o Goberno sobre os “ingresos derivados da apertura de dous edificios da Cidade da Cultura” e dende o departamento que dirixe Roberto Varela chegaron dous folios coa contestación.

Nese texto a Xunta explica que “é consciente” de que o complexo do Gaiás posúe, “na liña das grandes institucións culturais modernas”, un “gran potencial económico”, especialmente o Museo de Galicia, di. Neste sentido, como días despois subliñaría Varela durante unha comparecencia no Parlamento, o Executivo sinala que está a elaborar un plan de negocio para a Cidade da Cultura, documento no que se definirán os ingresos que pode achegar a actividade que alí se realice. Ademais, abonda, o padroado da Fundación que rexe o complexo “vén de aprobar un plan de usos” para os edificios, “sexa para usos estritamente culturais ou non” -alugueres para congresos e outros eventos, por exemplo-.

A resposta da consellería á parlamentaria do BNG remata cunha afirmación segundo a cal, “no actual contexto financeiro”, o “obxectivo fundamental” no Gaiás é “xestionar coa máxima racionalidade os recursos existentes”, así como adoptar “estratexias realistas” no seu desenvolvemento. Malia ao concreto da pregunta, na resposta non hai cifras sobre os ingresos dos edificios abertos ata o momento -o Arquivo e a Biblioteca-, nos que a entrada é libre tanto para ver a súa arquitectura como as súas exposicións e onde se celebraron espectáculos de pagamento que, obviamente, non compensan nin de lonxe os 300 millóns de euros que xa se levan gastado na construción da Cidade da Cultura, segundo recoñece a Xunta.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: