Pleno da Cámara galega / PARLAMENTO DE GALICIA
“Ir en postos de saída“. En épocas preelectorais un bo termómetro para medir o peso dos dirixentes das diferentes formacións políticas é o lugar que ocupan nas candidaturas da súa organización. Así, por exemplo, no caso das eleccións ao Parlamento galego, un dirixente do PPdeG da Coruña gaña relevancia se é situado por riba do duodécimo posto. O mesmo acontecerá na mesma circunscrición electoral se un socialista concorre nos primeiros oito postos ou un membro do BNG entre os catro primeiros. Cos resultados dos comicios de 2009 na man, en condicións normais estas colocacións nas listas garantían acceder a un acta do deputado, aínda que dous anos e medio máis tarde a realidade amosa que eses postos de saída se situaban moito máis abaixo, especialmente no caso dos populares, ata o punto de que case un terzo da composición da Cámara, vinte e catro deputados en concreto non é, cando menos directamente, resultado do votado polos electores.
A dimisión do deputado conservador Javier Escribano por estar a ser investigado nun caso de presunta corrupción é, ata o momento, o último cambio nun hemiciclo no que nunca chegaron a sentar todos os candidatos elixidos polos cidadáns. Outra dimisión exprés forzada no seo do PPdeG, a do número un por Ourense, Luis Carrera Pásaro, provocou que o primeiro movemento se producise en plena campaña e, aínda que legalmente non era posible modificar a candidatura, o ex responsable de Caixa Ourense nunca chegou a sentar no Pazo do Hórreo. Aínda que por un motivo ben distinto o mesmo aconteceu coa viguesa Corina Porro, que non recolleu á súa acta e, tras semanas de incerteza, acabou atopando novo destino na presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo.
Unha vez constituída a Cámara, a conformación do novo Goberno e a doutrina popular segundo a cal ningún membro do Executivo de Alberto Núñez Feijóo seguiría sendo deputado provocou a primeira vaga de cambios. Así, abandonaron as súas actas parlamentarias os conselleiros Alfonso Rueda, Beatriz Mato, Agustín Hernández e Rosa Quintana. Ademais, marcharon con rumbo a San Caetano outros electos como José Manuel Álvarez-Campana, Susana López Abella ou Raquel Arias, todos para ocupar cargos políticos na Xunta.
Tras as dez mudanzas iniciais, a lexislatura avanzaba sen excesivos sobresaltos e na composición do lexislativo galego agás cambios puntuais, como o relevo da socialista Laura Seara a finais de 2009 ao ser nomeada directora do Instituto de la Mujer ou o abandono do ex presidente Emilio Pérez Touriño en marzo de 2010. A segunda marea de cambios produciríase tras as eleccións municipais do pasado mes de maio e, de novo, a maioría afectaron aos escanos do partido que sustenta o Goberno.
Mentres que socialistas e nacionalistas apenas contaban con candidatos municipais de relevancia entre os seus deputados, os resultados dos comicios locais deron lugar á segunda gran mudanza no PP. Así, marcharon para seren alcaldes, Carlos Negreira, da Coruña, Manuel Ruiz Rivas, de Ribeira, José López Campos, da Estrada, José Antonio García, de Sarria e José Fervenza, de Moaña. Do mesmo xeito, deixaron a política autonómica o actual presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo e, como efecto do reordenamento de cargos no PP, fixeron o propio o ourensán Rosendo Fernández, para ser líder da oposición na capital da provincia e vicepresidente da Deputación, e o vigués Ignacio López-Chaves, novo presidente da Autoridade Portuaria da cidade. Mentres, na oposición as municipais só provocaron dúas marchas, as dos socialistas Mar Barcón e José Tomé que, en virtude do principio “unha persoa, un cargo” aplicada no PSdeG, tiveron que optar por seren edís nas corporacións da Coruña e Monforte.
Ao final do pasado verán no Pazo do Hórreo só se agardaba un troco máis, o que provocaría a renuncia ao escano por parte do ex vicepresidente da Xunta, o nacionalista Anxo Quintana. Con todo, dous casos de presunta corrupción deron lugar a tres remudas máis, a do xa citado Escribano, do PP -pola Operación Arena- a do tamén popular Pablo Cobián e a do nacionalista Fernando Blanco, estes dous tras seren sinalados polo incausado empresario Jorge Dorribo nas súas declaracións sobre a Operación Campeón. Así as cousas, a composición da terceira parte do Parlamento é xa resultado de movementos partidarios e non da vontade expresada nas urnas -aínda se producirá polo menos un cambio máis, porque o socialista Ricardo Varela marcha ao Senado-. No caso concreto do PP da Coruña, a lista está a piques de ser esgotada.
Unha resposta a “Ninguén lle votou a un terzo dos deputados”