Fonte: Junta Electoral Central [click para ampliar]
Malia ao estraño e case anestesiado ambiente na noite do xoves ao venres comezará a campaña para as eleccións a Cortes Xerais do vindeiro día 20. Nestes días previos as forzas políticas esfórzanse en aquelar a súa maquinaria electoral para poñela a pleno rendemento durante dúas semanas nas que, no caso galego, PP, PSdeG e BNG disputarán o espazo público para reclamar o voto dos cidadáns nun contexto de desafección, coa pantasma da abstención máis presente ca nunca. Neste escenario, un dos motivos habituais de refrega política é a presenza nos medios de comunicación, sobre todo nos públicos. Tanto a CRTVG como RTVE son observadas cronómetro en man polos responsables das campañas non só para calcular se son cumpridos os antixornalísticos bloques de información electoral, senón tamén para controlar a emisión dos seus vídeos nos espazos gratuitos de propaganda, regulados pola Lei do Réxime Electoral Xeral (Lorex). É precisamente nestes espazos e nos beneficios ou prexuízos que reportan a uns e outros nos que hoxe fixaremos a ollada.
O pasado 27 de outubro a Junta Electoral Central daba o seu visto e prace á distribución dos espazos electorais en Televisión Española e Radio Nacional de España baseándose nos criterios que estipula a Lorex. As desconexións galegas de TVE dedicarán 40 minutos á emisión de propaganda partidaria, dos cales 15 minutos serán para o PP -11 deputados no Congreso-, outros tantos para o PSdeG -10 deputados- e os 10 restantes para o BNG -dous deputados-.
Tendo en conta este reparto, unha primeira ollada permitiría concluír que o gran beneficiario do mesmo é o Bloque, dado que co 11,51% dos votos en 2008 conta co 25% do tempo dispoñible para pedir o voto. Isto sería así se non existise un segundo factor a ter en conta: os espazos de propaganda electoral que a propia TVE emite para todo o Estado. En virtude da lexislación electoral, tanto PP como PSOE contan con 45 minutos de emisión de propaganda en TVE para todo o territorio estatal, xa que nas últimas eleccións lograron máis do 20% dos votos totais. Do mesmo xeito, Izquierda Unida -desta volta, baixo a coalición Izquierda Plural- e o partido Unión, Progreso y Democracia contan con cadanseus 15 minutos de propaganda, xa que tiveron representación no Congreso pero non o 5% dos votos. Mentres, o BNG non entra neste suposto nin tampouco no dos partidos que teñen dereito a quince minutos adicionais de publicidade “territorial”, xa que tampouco tivo o 20% dos votos no conxunto das catro circunscricións galegas.
Deste xeito, a través de Televisión Española os televidentes galegos poderán recibir ata unha hora de mensaxes de socialistas e populares, mentres que os nacionalistas terán que condensar as súas mensaxes nuns estreitos 10 minutos. Este reparto xa deu lugar á protesta da formación liderada por Guillerme Vázquez aínda que, non obstante, na actualidade o peso da televisión é sensiblemente menor que noutrora á hora de difundir propaganda electoral e a petición do voto.
Deixar unha resposta