Un axóuxere para tres aeroportos

3 Nov

Nova terminal de Lavacolla / AENA AEROPUERTOS

“Hoxen pechan Alvedro e Peinador, non?”. Un veterano xornalista galego lanzaba esta retórica pregunta cunha abondosa dose de retranca durante a inaguración oficial da nova terminal do aeroporto compostelán de Lavacolla, o pasado setembro. Baixo as cristaleiras do espectacular edificio, no que o Ministerio de Fomento investiu 230 millóns de euros, o experimentado informador verbalizaba o que moitos, especialmente no ámbito político, recoñecen polo baixo, isto é, o pouco defendible que resulta -especialmente en tempos de crise- seguir achegando fondos públicos simultaneamente a tres aeroportos en senllas cidades unidas entre si por pouco máis de setenta quilómetros de autoestrada.

Mentres se agarda pola xeración política que se atreva a poñerlle o axóuxere ao gato do minifundismo, algúns datos chegados dende o Goberno central e a Xunta nos últimos meses poden ofrecer algunha orientación para sustentar  os argumentos dos que ven insustentable o actual modelo aeroportuario galego. O pasado setembro, Aena Aeropuertos ofrecía as cifras de tráfico de pasaxeiros de todas as terminais do Estado. No caso galego, confirmábase o que xa é unha tendencia e que un gráfico amosa ás claras:

Fonte: Aena Aeropuertos


En setembro de 2011 o aeroporto de Lavacolla moveu 238.030 pasaxeiros, o que supón un 14,8% máis que o mesmo mes do ano anterior. Mentres, por Alvedro pasaron 86.589 persoas, ou o que é o mesmo, un 13,9% menos que un ano antes, e a Peinador chegaron 84.531 viaxeiros, cun desplome do 18,3%. Estes elocuentes datos chegaban mentres continuaban os periódicos enfrontamentos entre concellos por captar liñas aéreas. Do mesmo xeito, unhas semanas despois, o 28 de outubro, Aena Aeropuertos expoñía no certame Expogalaecia, en Vigo, as obras realizadas no aeroporto de Santiago, pero tamén as que ten previstas no coruñés e no vigués: ampliación de pista e nova terminal en Alvedro e ampliación de terminal en Peinador.

Pero non só Aena e o Ministerio de Fomento seguen a destinar cartos públicos aos tres aeroportos. Tamén a Xunta, no seu caso a través dos patrocinios -a Unión Europea impide as axudas directas- ás aeroliñas de baixo custe. Neste caso, unha recente resposta parlamentaria escrita do Goberno galego aos socialistas Xaquín Fernández Leiceaga e Pablo López Vidal permite coñecer cantos cartos achegaron as arcas públicas a esas empresas aéreas nos últimos tres anos.

Nese documento, o Executivo explica que en 2009 “a Xunta fixo aportacións directamente ás compañías, para condonar débedas contraídas polos concellos” nun contexto no que, ata ese momento, Peinador “non tiña recibido nunca aportación ningunha”, salienta. Así, no primeiro ano de mandato do actual Goberno, as low cost recibiron 450.000 euros por viaxar a Santiago, 325.000 por achegarse a Vigo e 300.000 euros por facer o propio á Coruña.

Co Xacobeo 2010 os patrocinios disparáronse. Baseándose en “indicadores” como o fluxo turístico de cada cidade, a súa poboación ou a súa actividade empresarial, con achegas de tres consellerías a Xunta sumou 4,5 millóns de euros para as aeroliñas, dos cales 1,8 foron para Lavacolla, 1,4 para Vigo e 1,2 millóns para A Coruña. Por último, e en medio de duros enfrontamentos políticos alimentados pola campaña das eleccións municipais e polo malogrado comité de rutas, a Xunta apostou por “replicar o mapa de rutas de 2010”, mesmo conseguindo “unha liña máis para Santiago”. Desta volta, o reparto quedou en 882.000 euros para Santiago, 1,3 millóns para Vigo e 1,03 para A Coruña. Así as cousas, en tres anos a Xunta achegou 8,6 millóns de euros para patrocinar liñeas aéreas coa seguinte distribución:

Fonte: Xunta de Galicia

Aínda que o aeroporto de Santiago é o que recibiu un maior volume de recursos, a diferenza a respecto dos aeródromos coruñés e vigués non é, nin de lonxe, a que amosan as diferenzas de tráfico de viaxeiros. Nomeadamente, os patrocinios ao baixo custe foron de 3,2 millóns en Lavacolla, 2,9 millóns para Peinador e 2,5 para Alvedro, sempre segundo os datos da propia Xunta. Mentres, e co novo Lavacolla acabado de inaugurar, tanto Xunta como Goberno central subliñan que manterán a aposta polos tres aeroportos, aínda que cada un coa súa “vocación” . Ninguén, polo tanto, lle porá o axóuxere ao gato. Cando menos de momento.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: