Os “irresponsables” pagan no Sergas

9 Nov

Cargos políticos no hospital de Lugo, último inaugurado ata agora/XUNTA

Facer un “uso irresponsable das prestacións asistenciais do Sistema Público de Saúde de Galicia”. Este difuso motivo é, dende onte, causa dabondo para que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) poida decidir “repercutir nos usuarios” os “gastos” que xeren pola asistencia sanitaria, isto é, que teñan que pagar pola mesma.

A Consellería de Sanidade vén de introducir este precepto, a xeito de disposición adicional, no decreto 209/2011, do 27 de outubro, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados en centros dependentes do Sergas e nas fundacións públicas sanitarias. Este documento vén renovar as tarifas que teñen que abonar aquelas persoas que non sexan beneficiarias da Seguridade Social -como estranxeiros ou asegurados de certas mutuas- e que se fixaron por última vez nun decreto semellante do ano 2010 que, non obstante, non incluía esta nova disposición adicional sobre a responsabilidade dos pacientes.

Esta tarifa pode resultar altamente ilustrativa sobre o custe da sanidade pública, isto é, sobre os servizos que sustentan os cidadáns a través dos seus impostos. Por exemplo, permite coñecer que unha radiografía común custa 34 euros  ou que unha estadía nunha cama hospitalaria supón 513 euros ao día. Pero, co novo criterio, o decreto adquire unha nova dimensión polas preguntas que deixa no aire.

Para definir esa eventual “irresponsabilidade” o departamento que dirixe Pilar Farjas remítese á Lei de Saúde de Galicia, promulgada no ano 2008, isto é, impulsada polo Goberno bipartito de PSdeG e BNG. Nomeadamente, o decreto refírese aos “números 4, 5, 10 e 11 do artigo 15” desta norma. Ao acudir a ese artigo, referido aos “deberes sanitarios” dos pacientes, o cidadán atopará preceptos igualmente difusos. Sinálase, por exemplo, que o usuario deberá empregar “axeitadamente” os “recursos e servizos” do Sergas, manter a “observancia” sobre as normas dos centros sanitarios ou “cumprir as normas e os procedementos de uso e acceso” ás prestacións do Sergas.

Con todo,  o interrogante que a priori deixa o campo aberto para un eventual cobramento no Sergas é a apelación ao punto 11 dese artigo 15, no que se sinala a obriga de “comunicarlle ao sistema sanitario, coa maior brevidade posible, a non utilización por calquera causa dun servizo programado previamente”. Xa no ámbito da conxetura isto pode querer dicir, por exemplo, que un paciente que renuncie a ser intervido cirurxicamente na data programada podería ter que pagar a operación cando lle sexa realizada de acordo coa tarifa de prezos aprobada onte.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: