Nunca tantos deixaran o Parlamento

16 Nov

Albor e Laxe, no debate da ‘censura’ de 1987/PARLAMENTO DE GALICIA

En tempos convulsos de crise económica e cuestionamento da política institucional os parlamentos son obxectivo dun bo número de críticas. As remuneracións dos seus membros ou a representatividade que ostentan os deputados e deputadas chegan a ser cuestionadas. Se ben a cuestión económica responde a diversas variables que  mesmo se están a comezar a axustar, no caso do Parlamento de Galicia o asunto da representatividade está condicionado na presente lexislatura por unha variable fundamental: os cambios de deputados motivados en case todos os casos por movementos internos das formacións políticas. Estes trocos, tal e como temos detallado xa no Asento 76, deron lugar a que case un terzo dos parlamentarios, un total de 24, non fosen directamente elixidos polos cidadáns. Se ben esta cifra é avultada en si mesma resulta máis significativa ao comparala coas sete lexislaturas anteriores, xa que nunca se producira tal número de cambios, máis aínda tendo en conta que o actual período lexislativo aínda non rematou.

Unha ollada aos arquivos parlamentarios permite concluír que, en toda a historia autonómica, os escanos do Parlamento mudaron de inquilinos en 104 ocasións por motivos diversos, dando lugar a unha media de 13 corrementos de lista por lexislatura. Así e todo, un simple gráfico amosa ás claras que é o actual mandato, o que comezou en 2009 e que tería que rematar en 2013 -unha data, esta última, que cada vez semella máis improbable-, o que sobe notablemente a media:

Fonte: Servizo de Documentación do Parlamento 

Cómpre remontarse á cuarta lexislatura, a que transcorreu entre 1993 e 1997, para atopar o segundo volume de cambios máis alto. Naquel primeiro Parlamento con só tres grupos -estreábase a barreira do 5% para ter representación na Cámara- cubríranse 16 vacantes  durante os catro anos. Entre os motivos das variacións estiveron, entre outros, a vitoria do PP nas eleccións xerais de 1996, a cal motivou, por exemplo, a marcha de José Manuel Romay Beccaría para ser ministro de Sanidade e a súa substitución como deputado. Non en van, nas filas populares producíranse 10 mudanzas, fronte a catro do PSdeG e dúas do BNG.

Unhas cifras semellantes en canto a trocos presentáronas tamén a lexislatura que transcorreu entre 1997 e 2001, na que marcharon 11 deputados do PP, un nacionalista e un socialista, e a derradeira con Manuel Fraga como presidente da Xunta, durante a cal os populares realizaron sete modificacións no seu grupo, o Bloque tres e os socialistas, catro. Eses 14 cambios da lexislatura de 2001 a 2005 foron os mesmos que os producidos no convulso Parlamento que tivo o país entre 1985 e 1989, co cambio de deputados de Coalición Popular a Coalición Galega (CG) e a posterior moción de censura -unha instantánea daquel debate ilustra este artigo-, xermolo do tripartito presidido en 1987 polo socialista Fernando González Laxe e apoiado por PSdeG, CG e Partido Nacionalista Galego.

Na banda inferior no que a mudanzas na composición de grupos parlamentarios se refire atópanse a primeira lexislatura, con só seis cambios -tres de UCD e tres do PSdeG-, a terceira, con oito trocos, e a sétima, a do goberno bipartito de PSdeG e BNG, cando o grupo que máis cambiou foi o Bloque -decidiu que os seus catro conselleiros non fosen deputados-, seguido polo PP, con tres, e polos socialistas, con só dous. De calquera xeito, ningunha das lexislaturas anteriores se achegou, nin de lonxe, á actual, na que se producirá polo menos un cambio máis, nas filas do PSdeG. Con todo, os populares encabezan, con 18, as mudanzas na súa composición, ata o punto de que, se nos seus parlamentarios da provincia da Coruña se produce unha baixa máis, terá que entrar un suplente no Pazo do Hórreo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: