21N: Comezan as carreiras galegas

21 Nov

Extrapolación baseada nos resultados provisionais das xerais

Ao rematar o escrutinio das eleccións xerais acabadas de celebrar o presidente do PNV, Íñigo Urkullu, e o candidato de CiU ao Congreso, Josep Antoni Durán i Lleida, coincidían en tirar como unha das conclusións da noite que os seus respectivos mapas políticos, o vasco e o catalán, nada tiñan que ver co do resto do Estado, dado o seu pluripartidismo e a preeminencia de forzas propias. É evidente que no caso galego ese fenómeno non se produce con tal intensidade. Pero non o é menos que os comicios do 20N eran a sinal de saída para unha carreira que xa comezou este luns, a das vindeiras eleccións ao Parlamento galego, unha carreira que se corre polo menos en tres pistas: a da Xunta e o PPdeG, a do PSdeG e a do BNG e as súas correntes internas.

Aínda que resulte un exercicio de pura e dura política ficción mentiríamos se non dixésemos que na mente dos atletas destas tres carreiras está, aínda que sexa colateralmente, a composición que tería o hemiciclo do Pazo do Hórreo se os resultados do 20N se producisen nunhas autonómicas. Cunha participación do 71% -lixeiramente superior á dos comicios galegos de 2009- e 26.000 votos en branco, os 855.000 votos logrados polo PPdeG traduciríanse nunha folgadísima maioría absoluta da formación que lidera Alberto Núñez Feijóo. Unha vez aplicado o sistema d”Hondt, os populares pasarían dos 38 escanos actuais ata 44. Mentres, o PSdeG, que perdeu 300.000 votos nas xerais, perdería dous deputados e quedaría en 23. O gran prexudicado neste exercicio de ficción sería o BNG. Os nacionalistas sufrirían unha verdadeira debacle que os deixaría nuns exiguos 8 parlamentarios.

Pero deixemos as elucubracións aritméticas e volvamos ás enunciadas carreiras. Nesa competición quen parte con obvia vantaxe é o PP. Coa vitoria nas xerais baixo o brazo, é na sala de máquinas popular na que se manexan os tempos. O presidente ten a prerrogativa de decidir cando se convocan unhas autonómicas que, a priori, lle convén que se celebren canto antes. Así as cousas, e aínda que este mesmo luns Feijóo aseguraba que a súa intención é a de “esgotar o mandato”, poucos pensan que os galegos vaian ser convocados ás urnas cando corresponde, isto é, en marzo de 2013.

Coa estratexia electoral como único criterio, o máis recomendable para os intereses dos conservadores podería ser ir a un adianto de case un ano. Apoiado en argumentos que pasarían, por exemplo, pola necesidade de contar cunha maioría forte para afrontar os duros tempos económicos, o PPdeG chegaría ás eleccións sen que Mariano Rajoy tivese apenas tempo para aplicar os temidos recortes e, ademais, Feijóo tería diante de si a un PSdeG e a un BNG co paso cambiado, ou ben cos seus actuais líderes ou con outros novos acabados de elixir -a Asemblea Nacional do Bloque celébrase na última fin de semana de xaneiro e o congreso socialista, que aínda non foi convocado, non se celebrará antes do congreso federal do PSOE, anunciado por Zapatero para a primeira semana de febreiro-.

Neste escenario, o máis factible sería adiantar as eleccións, pero non tanto, e convocalas para o outono de 2012. O adianto podería ser vendido como “técnico” e, ademais, suporía devolver os comicios galegos ao mes no que habitualmente se  celebraron. Salvo sorpresa maiúscula, os carteis electorales do PPdeG volverán levar a fotografía de Feijóo. Mentres, nas carreiras socialista e nacionalista hai máis caras posibles, a comezar polas dos seus actuais secretario xeral e portavoz nacional, Pachi Vázquez e Guillerme Vázquez e seguindo por apelidos que ecoan dende hai meses: Caamaño, Aymerich… e algúns máis. Sexa como for, vinte e catro horas despois das eleccións, as carreiras galegas están lanzadas.

6 Respostas to “21N: Comezan as carreiras galegas”

  1. Xabier P. Igrexas ás 19:50 #

    Lei D’Hondt non: Sistema D’Hont.

  2. VilayCouto ás 01:32 #

    sen nada que comentar, pero para que saibas que leído quedas!

  3. VilayCouto ás 01:33 #

    onde digo comentar, léase criticar o algo así, non é que non suscite comentario!

  4. Carlos ás 10:41 #

    Moito teñen que mudar as cousas para que este exercicio de ficción que fas non sexa a mais dura realidade. O PP vai arrasar outra vez con todo, non porque a xente sexa moi de dereita española, senón por unha sangrante falla de opcións

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: