Feijóo, con Rueda nunha sesión de control / XOÁN CRESPO/XUNTA
Cada un fala dos adiantos electorais segundo lle vai neles. Algúns dos máis veteranos nas filas do PPdeG aínda lembran como tragaron de mala gana co anticipo dos comicios autonómicos de 2005, previstos para outubro daquel ano e cuxa celebración forzaron en xuño “os de Madrid -en referencia á dirección estatal dos conservadores-“. Ao Goberno de Manuel Fraga, escaldado polo Prestige, a guerra de Iraq e a vitoria de Zapatero, quedáronlle no caixón varios proxectos de investimento, unha nova chuvia fina que podía cimentar unha nova maioría absoluta. Pero non lle deu tempo e as urnas deron lugar ao bipartito. De adiantos saben tamén no PSdeG. No verán de 2008, de Madrid -aínda que con voz galega, a de José Blanco– chegaron tamén recomendacións de adianto. O consello que recibíu Emilio Pérez Touriño era claro: se os galegos votaban no outono, repetiría como presidente dun novo bipartito, se votaban na primavera -cando correspondía- marcharía para a casa, como finalmente aconteceu.
Nestes días a política galega cheira de novo a adianto electoral. Aínda que o ruxe ruxe non é novo -existe dende hai un bo número de meses-, a confirmación da vitoria do PP nas xerais situouno en primeira liña da actualidade e os principais responsables dos populares galegos e da Xunta non contribúen precisamente a empequenecer as especulacións. Menos de vinte e catro horas despois do triunfo de Mariano Rajoy, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba que o PPdeG viña de “recibir dos cidadáns” o “mandato de seguir gobernando con rigor, valentía e tendo como obxectivo os intereses xerais”, pero evitaba afirmar con rotundidade que as eleccións serán cando toca, isto é, en marzo de 2013.
As respostas máis ou menos ambiguas do presidente continuaron ao longo dos vindeiros días e, onte mesmo, o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, recoñecía nunha entrevista na SER que o adianto está sobre a mesa. “É un tema que está en discusión, non llo vou negar”, sinala o número dous de Feijóo quen, en todo caso, segue o argumentado polo seu xefe de filas para asegurar que o PPdeG “non vai xogar ao ventaxismo político fácil”.
As palabras de Rueda ilustran o que é máis ca unha reflexión no seo da forza política que sustenta o Goberno. Dirixentes conservadores teñen expresado ante a cúpula do partido a necesidade de que as eleccións galegas se celebren o antes posible. Montados no cabalo da vitoria electoral das xerais, os populares galegos gañarían hoxe os comicios á Cámara galega sen problema ningún. Mentres, podería haber máis dificultades no primeiro trimestre de 2013, cun ano de recortes de Rajoy á vista de todos. Ademais, Feijóo ten diante de si outra circunstancia que non é menor: canto antes se convoquen os comicios, máis desestruturada estará a alternativa de PSdeG e BNG, formacións con movementos internos en marcha e que non terán candidato ata os seus respectivos congreso e asemblea -os nacionalistas celebran cónclave a finais de xaneiro e os socialistas, previsiblemente en febreiro-.
Con estas condicións de partida, cada vez son máis os convencidos de que esta lexislatura non se esgotará. O escenario máis propicio para os conservadores sería que Feijóo dese por rematado o seu primeiro mandato a comezos de 2012 e as urnas se abrisen na primavera -entre marzo e xuño-. Un punto intermedio sería o outono, un adianto que sería máis doado presentar como “técnico” e que tería o argumento engadido de que, tradicionalmente, os comicios galegos se celebraron no entorno do mes de outubro. A última palabra tena Feijóo para uns comicios que, dependendo de factores como a política de Rajoy e a renovación ou non na oposición, poden ser unha intensa carreira ou un paseo militar para o presidente da Xunta.
Deixar unha resposta