Carracedo, eminencia e humildade fronte á torpeza

1 Dec

O presidente entrégalle a Medalla de Galicia a Carracedo / XUNTA

A tarde do pasado 25 de xullo chovía sobre a Cidade da Cultura. O inacabado complexo, con complexo de Escorial, estreábase como escenario da entrega das Medallas de Galicia, a máis alta distinción do Goberno galego. Desta volta, era difícil que a Xunta acertase máis de cheo á hora de conceder o galardón. Os premiados eran o Instituto da Lingua Galega e o científico Ángel Carracedo, eminencia mundial e experto en xenética que calquera país normal -no sentido máis amplo do termo- situaría como referencia para os seus cidadáns. Pola súa valía, pola súa capacidade de traballo e pola súa humildade.

Naquel acto do Gaiás o eminente e humildísimo Carracedo empregou parte do seu discurso de agradecemento para reivindicar, dende a discreción que o caracteriza, pero para reivindicar. Ante a plana maior da política e da sociedade galega e tamén diante de representantes do Goberno central expuña as necesidades que os investigadores teñen para seguir co seu labor nos máis diversos ámbitos. Á Xunta demandáballe “un esforzo” para que a ciencia non fose máis damnificada pola crise. Ao Goberno central, comezar a saldar a “débeda histórica” no que a equipamentos e infraestruturas científicas se refire: “Os galegos producimos, proporcionalmente, máis do que recibimos”, resumía.

As verbas de Carradedo ao pé dos carísimos edificios deseñados por Peter Eisenman véñense de revelar como unha triste premonición. Horas antes de que o Instituto Nacional de Estatística (INE) constatase que o investimento en I+D das Administracións galegas está no seu nivel máis baixo dende 2006 e estancado dende 2009, o científico, de novo dende a discrección, daba a coñecer unha pésima noticia ao pronunciar unha conferencia no hospital de Lugo. O Ministerio de Sanidade venlle de retirar o seu financiamento ao nodo que o Centro Nacional de Xenotipado ten na Universidade de Santiago. Son 300.000 euros que lle permiten ao CeGen-USC dar pasos de xigante na investigación de materias que deberan ser preocupacións para calquera gobernante: a loita contra os tumores, contra a esquizofrenia ou contra problemas neurolóxicos.

Coa noticia xa circulando, Ángel Carracedo foi entrevistado este xoves no treito local compostelán do programa Hoy por Hoy, da Cadena SER. Dende a firmeza de quen non precisa berrar para facer entender as súas razóns, o investigador detallaba que o Ministerio de Sanidade do Goberno central en funcións non dera “explicacións” antes de meter a tesoira. Dende a vontade de “seguir loitando”, Carracedo confesa “non saber  canto tempo” vai poder “sobrevivir” o centro sen cartos públicos e recoñece que é “probable” ter que reducir o número de investigadores e, polo tanto, o ritmo da investigación, que baixará en torno a un 30%.

Cun chisco de humor galego e outro de amargura, Ángel Carracedo concluía a súa conversa co xornalista Luís Pardo resumindo que o centro no que se atoparon xens para loitar contra o cancro colorrectal ou a esquizofrenia queda “a velas vir”. É isto precisamente o único no que Carracedo non foi completamente exacto. Se cadra, quen anda a velas vir é quen toma a decisión de retirar 300.000 euros a un labor tan necesario como impagable. Como mínimo, unha torpeza. Como máximo, unha expresión peor soante.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: