O Goberno galego amosa os seus petos

9 Dec

Fonte: Xunta de Galicia

Transparencia. En tempos de convulsión económica e desconfianza na dada en chamar “clase política”, especialmente naquela con responsabilidades de mando, o acceso á información sobre os gobernos e os gobernantes adoita ser unha das principais reivindicacións. A Xunta comezou a facer os deberes neste ámbito no ano 2006. Daquela, o Executivo bipartito sacaba adiante a Lei de Transparencia, un texto que permitiu, entre outros aspectos referentes ao funcionamento da Administración, coñecer o soldo exacto do presidente, dos conselleiros e dos altos cargos. Malia ser un significativo avance nun escenario de forte opacidade, aquel proxecto -duramente descualificado polo PPdeG dende a oposición- deixou fóra aspectos relevantes, como regular a publicidade do patrimonio das persoas que compoñen o Goberno.

En plena treboada económico-financeira e quizais impulsado polo influxo de movementos como o 15M, o Executivo galego vén de completar ese movemento de transparencia, publicando no Diario Oficial de Galicia o patrimonio do presidente e dos conselleiros na mesma xornada en que, segundo o anunciado, se farán públicas as declaracións de bens dos membros do Parlamento. Ambas decisións chegan despois de que o Goberno central e as Cortes Xerais decidisen amosar o patrimonio dos seus integrantes. Aínda que no caso galego diversas voces da oposición parlamentaria se amosaban convencidas de que o PP accedería a publicar os bens dos deputados pero non os do Goberno, finalmente esta publicación existe e, dende hoxe, as cifras son públicas.

Aínda que cun grao de detalle non excesivamente alto, os galegos xa poden saber, por exemplo, que o conselleiro de Industria, Javier Guerra, é de lonxe o membro do Goberno cunhas contas máis saneadas. Cunha dilatada traxectoria empresarial -dende 1987 ocupou postos relevantes en empresas téxtiles, como directivo primeiro e como propietario despois-, os seus bens ascenden a 15,7 millóns de euros, dos cales 365.117 euros son inmobles.

Sensiblemente afastados de Guerra, os seguintes membros da Xunta máis acaudalados son o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e o presidente, Alberto Núñez Feijóo, ambos procedentes do traballo na Administración -Varela é diplomático e Feijóo, funcionario de carreira- e con máis de medio millón de euros no seu haber.  Non obstante, mentres que no caso do titular de Cultura unha parte substancial destes fondos son bens inmobles -436.462 euros-, no caso do xefe do Goberno, os inmobles quedan en 151.000 euros.

Exceptuando estes tres primeiros casos, as contas correntes da maior parte dos conselleiros son máis modestas. Ata seis conselleiros -os de Medio Rural, Educación, Infraestruturas, Presidencia, Traballo e Sanidade- móvense nun abano, en cifras redondas, que vai dos 100.000 aos 200.000 euros e, na práctica totalidade destes casos, o groso da declaración patrimonial corresponde a “bens inmobles”. Os inmobles son tamén a parte substancial do patrimonio das dúas compoñentes do Goberno con menor capital, as conselleiras de Mar e Facenda. No caso de Rosa Quintana, bióloga e funcionaria da Xunta, máis de 50.000 dos seus 90.000 euros responden a este concepto. Do mesmo Xeito, Marta Fernández Currás, profesora universitaria e interventora do Estado, ten en bens inmobles 61.000 dos 77.000 euros que declara.

A radiografía patrimonial dos compoñentes da Xunta complétase cunha ollada ao que declaran como “pasivo”, isto é, os seus “créditos, préstamos” ou “débedas”. Mentres que Javier Guerra, o máis adiñeirado, amosa un excelente estado de saúde das súas contas ao non declarar débeda ningunha, na banda oposta sitúase Roberto Varela, con 312.000 euros por pagar. Ao titular de Cultura ségueo de cerca a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, que adebeda 259.000 euros. A máis distancia é posible atopar a Agustín Hernández, cun pasivo de 146.000 euros, ou ao presidente Feijóo, que declara 99.031 euros en débedas.

Así as cousas, dende este venres son de dominio público uns datos que, segundo quen os consulte, poden satisfacer o desexo de transparencia, total ou parcialmente, ou simplemente alimentar o voyeurismo de parte da cidadanía. Non obstante, esta foto fixa non permite coñecer, polo menos de momento, a que debera ser finalidade última de publicitar o patrimonio dos gobernantes: amosar que as súas contas correntes non aumentan de volume, alén do seus soldos, mentres se ocupan dos asuntos públicos.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: