Imaxe promocional da Consellería de Educación
“As tropas de Iraq de Touriño foron os libros de texto”. Durante a campaña electoral das autonómicas de 2009 un veterano político galego resumía deste xeito a que fora primeira decisión do Goberno bipartito. Igual que José Luis Rodríguez Zapatero decidira inaugurar a súa xestión mandando regresar aos soldados da guerra de Bush, o Executivo de PSdeG e BNG quixera que a súa primeira medida fose instaurar a gratuidade universal dos textos escolares, mediante un sistema de préstamo. Nese mesmo 2009 o cambio de cor política na Xunta supuña o comezo da fin dese modelo: a nova consellería, dirixida polo popular Jesús Vázquez, decidía rematar cos libros de balde e instauraba a chamada Gratuidade Solidaria, subvencións parciais á compra dos manuais que, dous anos despois, dan lugar a certos problemas de xestión e tamén a dúbidas sobre a súa rendibilidade. As cifras oficiais xa poñen en cuestión que saia máis barato subvencionar que prestar.
Este xoves dúas publicacións, unha no Diario Oficial de Galicia e outra no diario El País, poden servir como mostra dos problemas xerados pola Gratuidade Solidaria. No DOG, Educación inclúe unha orde para “ampliar importes para o financiamento das axudas para a adquisición de libros de texto”, dotada no pasado 5 de decembro cun montante de 2,9 millóns de euros. En El País, a xornalista Cristina Huete relata que a consellería “aínda debe tres millóns polos textos escolares” aos libreiros, unha cantidade que todo semella indicar que será abonada coa ampliación de crédito publicada no boletín oficial galego.
Estas dúas publicacións poden servir como síntoma dos problemas de xestión e, ao tempo, das dúbidas sobre a rendibilidade da Gratuidade Solidaria para o erario público. A ampliación de crédito para pagar a débeda dos manuais engádese aos fondos xa consignados por Educación para a mesma fin. O departamento de Vázquez destinara inicialmente 9,06 millóns para 2011 e 150.000 euros para 2012. A suma das tres cantidades dá lugar un gasto de 12,2 millóns de euros cuxa práctica totalidade sae das partidas dos Orzamentos Xerais de 2011 destinadas a esta fin. Son partidas por tres conceptos: “axudas de texto e material escolar”, de 8,8 millóns, “programa gratuidade libros de texto (reposición)”, con 1,5 millóns para a parte do programa de préstamo que aínda sobrevive, e outros 2 millóns de euros para financiar o cambio de manuais redactados en galego, tamén herdados do bipartito, pola súa versión castelá.
Unha ollada aos Orzamentos de 2012, a piques de rematar a súa tramitació parlamentaria, permite observar que a extensión case total da Gratuidade Solidaria non implicará unha redución de gasto. Aínda que a partida de “reposición” baixa con respecto a 2011, pasando de 1,5 millóns a só 50.000 euros, e tamén o faga a destinada a cambiar libros en galego por libros en castelán, que tamén queda en 50.00 euros, o concepto “axuda libros de texto e material escolar” sobe significativamente e chega aos 15,09 millóns de euros. Neste contexto, unha consulta aos Orzamentos de 2009, os últimos elaborados polo bipartito, podería permitir a conclusión de que o aforro do novo modelo de subvencións esvae. Daquela, a Consellería de Educación dirixida pola socialista Laura Sánchez Piñón incluíu nas súas contas unha partida de “fondos bibliográficos-gratuidade libros de texto” por 14,4 millóns de euros, a cal permitía textos de balde para todos os alumnos do ensino público. No curso 2012/2013, con un millón de euros máis no peto, a Xunta asegura que as axudas -parciais, porque a maioría non cobren o custe total dos libros- chegan a “sete de cada dez” escolares.
Deixar unha resposta