Política no aniversario da política

19 Dec

Canto do himno galego, ao remate do acto / XOÁN CRESPO/XUNTA

Este luns no Parlamento falouse de política. Esta afirmación, que podería estar nun terreo lindeiro entre a simpleza e a obviedade, cobra especial relevancia polo acto que acolleu o hemiciclo do Pazo do Hórreo. O lexislativo galego celebraba o seu triséximo aniversario cun pleno solemne con catro discursos, os dos voceiros de PP, PSdeG e BNG e o da presidenta da Cámara, Pilar Rojo. E todos, especialmente os representantes dos partidos, falaron de política.

Cunha tribuna de convidados ateigada de autoridades presentes e pasadas -entre elas, os ex presidentes da Xunta Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño e os que foran xefes do lexislativo, Dolores Villarino, Tomás Pérez Vidal e José María García Leira– e na que se percibía a clamorosa ausencia do Valedor do Pobo, Benigno López, o primeiro en pasar polo atril foi o voceiro do Bloque, Carlos Aymerich. Non elixiu o nacionalista un ton de efeméride para un discurso que, se cadra, tivo un aquel de intervención de política xeral condensada no tempo, cuns destinatarios que estaban dentro e fóra do Parlamento.

Nunha intervención que comezou cunha lembranza aos deputados nacionalistas expulsados do Parlamento en 1982, Aymerich enmarcou a conmemoración no “compromiso de seguir a traballar pola liberdade desta vella nación, para reclamar os plenos dereitos políticos para Galiza” e tamén nunha reflexión máis ampla sobre o concepto de “democracia”, cuestionado agora, na súa opinión, polos gobernos dos chamados “tecnócratas”. O ton e contido do discurso de Aymerich non gustou, en xeral, nas bancadas populares, nas que o ruxe ruxe medrou, por exemplo, cando o voceiro do BNG lamentou que a defensa da identidade galega lle “proa” a”un Valedor que non está á altura do pobo que o sustenta e cuxos intereses promete defender”.

Aínda que en menor medida, tamén incomodou no grupo que sustenta ao Goberno e nas bancadas azuis do Goberno mesmo -nas que non sentaba a conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás-, o discurso do voceiro do PSdeG. Lonxe tamén dos xogos florais nos que poden chegar a caer este tipo de aniversarios, Abel Losada tamén fixo política e falou da mesma. Para o socialista, tres décadas despois do inicio da andaina autonómica as “pantasmas” xa non teñen a cara do franquismo, senón, entre outras, a da “fenda, cada vez maior, entre economía, política e cidadanía”. Como Aymerich, Losada alternou a loubanza á contribución do seu grupo á construción das institucións galegas con propostas para o futuro do lexislativo. Cómpre, na súa opinión, fuxir da “excesiva dependencia” do Executivo e abordar tarefas pendentes como a reforma do Estatuto de Autonomía. “Preocupado” polas “ameazas de recorte” tanto nos servizos públicos como no autogoberno, Losada culminaba a súa intervención cun recordo que ten moito de político e nada de ritual; o Estatuto do 36, “os que deron a vida por defender un Goberno de seu para Galicia” e unha frase de Castelao: “Todo se lle pode negar a Galiza, menos a súa cordura, o seu anceio autonómico e a súa vontade federalista”.

A quenda de peche dos grupos foi, como corresponde, para o maioritario, o PP, representado polo seu voceiro, Pedro Puy, un dos deputados de maior formación do Parlamento que fixo gala da mesma no seu discurso, tamén político, tampouco ritual, e inzado de citas de persoeiros galegos e internacionais. Mentres algún dos conselleiros seguía mergullado nas profundidades da súa Blackberry, Puy situou o inicio da democracia moderna na Revolución Francesa e achegou referencias que poderían chegar a ser molestas para os sectores máis centralistas do seu partido. O Estatuto do 36 como inicio do parlamentarismo galego, Ramón Piñeiro, a loita contra o Estatuto da aldraxe e a lembranza “para os que o deron todo, mesmo a súa vida” pola autonomía foron algúns dos piares dunhas palabras que remataron co que para Puy é unha receita de futuro: “traballo, cooperación e sentido da responsabilidade”, a mesma que ofreceu Gerardo Fernández Albor na súa primeira investidura.

E para rematar, Pilar Rojo, que puxo en escena un correcto discurso ao que se algo se lle pode achacar é, precisamente, a súa corrección e prudencia, se cadra excesivas, con leves referencias á “permanente necesidade de actualización” no funcionamento do Parlamento, o que pode ser interpretado como unha velada mención á indefinidamente adiada reforma do Regulamento da Cámara.

Os membros do Goberno e os 74 deputados presentes -non asistiu a nacionalista Teresa Táboas- erguéronse dos seus escanos para escoitar, todos, e para cantar, uns poucos, o himno galego no que a repetición da palabra “nazón” non foi tal, nunha gravación que substituíu o bis por uns acordes musicais. Despois, recepción oficial e austero refrixerio cos tradicionais corrillos  nos que os observadores quedaron con algúns detalles, como o animado diálogo de Alberto Núñez Feijóo con Emilio Pérez Touriño e o frío saúdo do ex presidente socialista co seu sucesor no partido, Pachi Vázquez.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: