Fraga, como ministro de Franco e cartel electoral do PPdeG en 1989
“Cando morra Fraga, faráo por segunda vez”. A comezos da pasada década, quen asina escoitaba estas verbas dende o seu asento na clase dun instituto lugués, o mesmo no que Manuel Fraga sacou as súas primeiras matrículas de honra. Quen as pronunciaba era o profesor encargado de transmitirlles aos seus adolescentes alumnos algunhas nocións de ciencia política e socioloxía. O mestre explicaba, a modo de exemplo, que o político conservador fora quen de “matar a Fraga Iribarne“, embaixador e ministro de Franco, para “inventar a don Manuel“, presidente ancián da Xunta e defensor de certas causas galegas ata o punto de resultar irritante aos cadros do Partido Popular, o artefacto partidario nado nos seus miolos para aglutinar a dereita española.
Estas explicacións dos tempos do Bacharelato podían resultar especialmente útiles na noite de onte, cando comezou a chegar ás redaccións dos medios a noticia que a maioría xa tiñan elaborada a xeito de gran despregamento informativo e á que só restaba poñerlle data: “morreu Fraga“. Era o sinal para que os especiais se pendurasen nas páxinas webs e comezasen a camiñar cara ás rotativas e para que as televisións, e sobre todo as radios, tirasen de arquivo sonoro e de declaracións de achegados e adversarios do home que contemplou, como protagonista e dende o asento traseiro dun coche oficial, tempos políticos que deberan ser antagónicos.
Coa chegada da noticia chegaban tamén as inevitables glosas á figura de Fraga. E é precisamente aquí onde resulta especialmente útil a explicación do profesor. A quen cumpría describir, eloxiar ou censurar? Seguir lendo