Morreu Fraga Iribarne, morreu don Manuel

16 Xan

Fraga, como ministro de Franco e cartel electoral do PPdeG en 1989

“Cando morra Fraga, faráo por segunda vez”. A comezos da pasada década, quen asina escoitaba estas verbas dende o seu asento na clase dun instituto lugués, o mesmo no que Manuel Fraga sacou as súas primeiras matrículas de honra. Quen as pronunciaba era o profesor encargado de transmitirlles aos seus adolescentes alumnos algunhas nocións de ciencia política e socioloxía. O mestre explicaba, a modo de exemplo, que o político conservador fora quen de “matar a Fraga Iribarne“, embaixador e ministro de Franco, para “inventar a don Manuel“, presidente ancián da Xunta e defensor de certas causas galegas ata o punto de resultar irritante aos cadros do Partido Popular, o artefacto partidario nado nos seus miolos para aglutinar a dereita española.

Estas explicacións dos tempos do Bacharelato podían resultar especialmente útiles na noite de onte, cando comezou a chegar ás redaccións dos medios a noticia que a maioría xa tiñan elaborada a xeito de gran despregamento informativo e á que só restaba poñerlle data: “morreu Fraga“. Era o sinal para que os especiais se pendurasen nas páxinas webs e comezasen a camiñar cara ás rotativas e para que as televisións, e sobre todo as radios, tirasen de arquivo sonoro e de declaracións de achegados e adversarios do home que contemplou, como protagonista e dende o asento traseiro dun coche oficial, tempos políticos que deberan ser antagónicos.

Coa chegada da noticia chegaban tamén as inevitables glosas á figura de Fraga. E é precisamente aquí onde resulta especialmente útil a explicación do profesor. A quen cumpría describir, eloxiar ou censurar? A Fraga Iribarne ou a don Manuel? Ao ministro dun réxime asentado no golpismo, no asasinato do contrario e no fascismo ou a quen quixo ser enxeñeiro da Administración única? Ao ser iracundo e autoritario ou ao presidente da Xunta que advertía aos cadros madrileños do PP de que afondar no autogoberno e defender a lingua galega non era sinónimo de terrorismo? Ao asinante de comentarios machistas ou ao vilalbés que afirmou que “Galicia é miña nai”? Dicotomías como estas, case todas.

Dende a ollada do xornalista, pero tamén desde a do cidadán, quen asina coida que cómpre observar a traxectoria enteira, sen ocos en branco. E dende esa consideración e tamén dende o persoalísimo sentimento que a un lle impide aledarse por morte ningunha, botaría man das lupas da ética e da política. Pode que esas ferramentas poidan servir para avaliar o paso polos asuntos públicos e as cargas coas que deixou este mundo o ministro franquista que autoinventou ao presidente autonómico.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: