Arquivo | Lingua RSS feed for this section

As axudas ao libro escolar en galego volven minguadas

26 Dec

Manual de matemáticas en galego / CEIP López Ferreiro (Santiago)

“A Xunta de Galicia potenciará a produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe”. A Lei do Libro e da Lectura do ano 2006 convertía deste xeito en obriga legal o precepto instaurado dous anos antes polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), aprobado por unanimidade do Parlamento durante o último Goberno de Manuel Fraga, que instaba a “garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade” en galego. Con estes textos como base legal, o Executivo vén convocando anualmente unha liña de subvencións destinada a elaborar estes materiais que, nos apenas dous anos que transcorreron dende 2009, sufriu un desplome de ata o 72%.

A primeira gran tesoirada a estas axudas chegou no exercicio de 2010. Daquela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística recortou máis da metade do subsidio. Así, a orde “para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios” pasou dos 1,05 millóns de euros de 2008 e 2009 a un total de 501.617 euros. Esta importante caída, fortemente rexeitada dende o sector editorial galego, reproducíase o 1 de marzo deste ano. Daquela, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo convocaba as axudas “por unha contía máxima total de 400.000 euros”. Non obstante, a concesión das subvencións dilatouse no tempo ata que, o 7 de setembro, Política Lingüística as deixaba “sen efecto” amparándose na “política orzamentaria” e no “necesario equilibrio entre ingresos e gastos” na Xunta.

Tal e como prometera naqueles días o propio Lorenzo ante as diversas protestas da comunidade educativa e dos editores, esta orde volveuse publicar antes do remate do ano Seguir lendo

Os últimos libros do vello decreto custan 50.000 euros

21 Out

PP, PSdeG e BNG e a ex conselleira, anunciando o pacto pola lingua en 2007

O día da presentación dos Orzamentos Xerais no Parlamento é un día de especial traballo nas redaccións dos medios de comunicación (no caso galego, dos medios que van quedando). É unha xornada de mergullarse en táboas infindas e apostar, decidir onde se ataca para amosarlle ao lector unha primeira impresión das contas da Xunta para o seguinte ano. Nesa tesitura pódese optar, esencialmente, por dúas estratexias: tentar ofrecer unha panorámica do proxecto financeiro ou ir ao detalle, buscar algo concreto e tanxible. Dada a magnitude do plan orzamentario, que agora comeza un longo debate na Cámara, realizaremos o primeiro achegamento optando pola segunda vía, indo ao detalle. Viaxen con nós.

Sobrevoamos o orzamento da Consellería de Educación e planeamos sobre o que hai doce meses foi un dos puntos máis controvertidos: o gasto en cambiar libros de texto en galego pola súa versión castelá. Ao tomar terra chegamos ás táboas nas que se recollen as contas da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e, no programa de “servizos e axudas complementarias da ensinanza” observamos que o epígrafe “axudas libros de texto e material escolar” medra por segundo ano consecutivo.

Se en 2010 o departamento que dirixe Jesús Vázquez dotaba a esta partida con 8,5 millóns en 2010 e con 10,8 en 2011, desta volta Educación volve sumar millóns e chega aos 15. Ademais, o seguinte epígrafe, co mesmo nome  pero coa engádega do termo “plurilingüismo” continúa a existir pero cae notablemente e pasa de 2 millóns de euros a só 50.000. Cal é o destino desta cantidade? Sufragar a substitución dos derradeiros libros de texto procedentes do programa de préstamo creado polo bipartito de PSdeG e BNG, manuais que estaban redactados en galego pero que o denominado Decreto do Plurilingüismo encadra nas materias que se han de impartir en castelán.

Seguir lendo

A %d blogueros les gusta esto: