Arquivo | Reportaxe RSS feed for this section

Libros de texto: unha ‘gratuidade’ cada vez máis cara

15 Dec

Imaxe promocional da Consellería de Educación

“As tropas de Iraq de Touriño foron os libros de texto”. Durante a campaña electoral das autonómicas de 2009 un veterano político galego resumía deste xeito a que fora primeira decisión do Goberno bipartito. Igual que José Luis Rodríguez Zapatero decidira inaugurar a súa xestión mandando regresar aos soldados da guerra de Bush, o Executivo de PSdeG e BNG quixera que a súa primeira medida fose instaurar a gratuidade universal dos textos escolares, mediante un sistema de préstamo. Nese mesmo 2009 o cambio de cor política na Xunta supuña o comezo da fin dese modelo: a nova consellería, dirixida polo popular Jesús Vázquez, decidía rematar cos libros de balde e instauraba a chamada Gratuidade Solidaria, subvencións parciais á compra dos manuais que, dous anos despois, dan lugar a certos problemas de xestión e tamén a dúbidas sobre a súa rendibilidade. As cifras oficiais xa poñen en cuestión que saia máis barato subvencionar que prestar.

Este xoves dúas publicacións, unha no Diario Oficial de Galicia e outra no diario El País, poden servir como mostra dos problemas xerados pola Gratuidade Solidaria. No DOG, Educación inclúe unha orde para “ampliar importes para o financiamento das axudas para a adquisición de libros de texto”, dotada no pasado 5 de decembro cun montante de 2,9 millóns de euros. En El País, a xornalista Cristina Huete relata que a consellería “aínda debe tres millóns polos textos escolares” aos libreiros, unha cantidade que todo semella indicar que será abonada coa ampliación de crédito publicada no boletín oficial galego.

Estas dúas publicacións poden servir como síntoma dos problemas de xestión e, ao tempo, das dúbidas sobre a rendibilidade da Gratuidade Solidaria para o erario público. Seguir lendo

Advertisement

Nunca tantos deixaran o Parlamento

16 Nov

Albor e Laxe, no debate da ‘censura’ de 1987/PARLAMENTO DE GALICIA

En tempos convulsos de crise económica e cuestionamento da política institucional os parlamentos son obxectivo dun bo número de críticas. As remuneracións dos seus membros ou a representatividade que ostentan os deputados e deputadas chegan a ser cuestionadas. Se ben a cuestión económica responde a diversas variables que  mesmo se están a comezar a axustar, no caso do Parlamento de Galicia o asunto da representatividade está condicionado na presente lexislatura por unha variable fundamental: os cambios de deputados motivados en case todos os casos por movementos internos das formacións políticas. Estes trocos, tal e como temos detallado xa no Asento 76, deron lugar a que case un terzo dos parlamentarios, un total de 24, non fosen directamente elixidos polos cidadáns. Se ben esta cifra é avultada en si mesma resulta máis significativa ao comparala coas sete lexislaturas anteriores, xa que nunca se producira tal número de cambios, máis aínda tendo en conta que o actual período lexislativo aínda non rematou.

Unha ollada aos arquivos parlamentarios permite concluír que, en toda a historia autonómica, os escanos do Parlamento mudaron de inquilinos en 104 ocasións por motivos diversos, dando lugar a unha media de 13 corrementos de lista por lexislatura. Así e todo, un simple gráfico amosa ás claras que é o actual mandato, o que comezou en 2009 e que tería que rematar en 2013 -unha data, esta última, que cada vez semella máis improbable-, o que sobe notablemente a media: Seguir lendo

Un axóuxere para tres aeroportos

3 Nov

Nova terminal de Lavacolla / AENA AEROPUERTOS

“Hoxen pechan Alvedro e Peinador, non?”. Un veterano xornalista galego lanzaba esta retórica pregunta cunha abondosa dose de retranca durante a inaguración oficial da nova terminal do aeroporto compostelán de Lavacolla, o pasado setembro. Baixo as cristaleiras do espectacular edificio, no que o Ministerio de Fomento investiu 230 millóns de euros, o experimentado informador verbalizaba o que moitos, especialmente no ámbito político, recoñecen polo baixo, isto é, o pouco defendible que resulta -especialmente en tempos de crise- seguir achegando fondos públicos simultaneamente a tres aeroportos en senllas cidades unidas entre si por pouco máis de setenta quilómetros de autoestrada.

Mentres se agarda pola xeración política que se atreva a poñerlle o axóuxere ao gato do minifundismo, algúns datos chegados dende o Goberno central e a Xunta nos últimos meses poden ofrecer algunha orientación para sustentar  os argumentos dos que ven insustentable o actual modelo aeroportuario galego. O pasado setembro, Aena Aeropuertos ofrecía as cifras de tráfico de pasaxeiros de todas as terminais do Estado. No caso galego, confirmábase o que xa é unha tendencia e que un gráfico amosa ás claras:

Fonte: Aena Aeropuertos

Seguir lendo

Ninguén lle votou a un terzo dos deputados

31 Out

Pleno da Cámara galega / PARLAMENTO DE GALICIA

Ir en postos de saída“. En épocas preelectorais un bo termómetro para medir o peso dos dirixentes das diferentes formacións políticas é o lugar que ocupan nas candidaturas da súa organización. Así, por exemplo, no caso das eleccións ao Parlamento galego, un dirixente do PPdeG da Coruña gaña relevancia se é situado por riba do duodécimo posto. O mesmo acontecerá na mesma circunscrición electoral se un socialista concorre nos primeiros oito postos ou un membro do BNG entre os catro primeiros. Cos resultados dos comicios de 2009 na man, en condicións normais estas colocacións nas listas garantían acceder a un acta do deputado, aínda que dous anos e medio máis tarde a realidade amosa que eses postos de saída se situaban moito máis abaixo, especialmente no caso dos populares, ata o punto de que case un terzo da composición da Cámara, vinte e catro deputados en concreto non é, cando menos directamente, resultado do votado polos electores.

A dimisión do deputado conservador Javier Escribano por estar a ser investigado nun caso de presunta corrupción é, ata o momento, o último cambio nun hemiciclo no que nunca chegaron a sentar todos os candidatos elixidos polos cidadáns. Outra dimisión exprés forzada no seo do PPdeG, a do número un por Ourense, Luis Carrera Pásaro, provocou que o primeiro movemento se producise en plena campaña e, aínda que legalmente non era posible modificar a candidatura, o ex responsable de Caixa Ourense nunca chegou a sentar no Pazo do Hórreo. Aínda que por un motivo ben distinto o mesmo aconteceu coa viguesa Corina Porro, que non recolleu á súa acta e, tras semanas de incerteza, acabou atopando novo destino na presidencia da Autoridade Portuaria de Vigo.

Unha vez constituída a Cámara, a conformación do novo Goberno e a doutrina popular segundo a cal ningún membro do Executivo de Alberto Núñez Feijóo seguiría sendo deputado provocou a primeira vaga de cambios. Así, abandonaron as súas actas parlamentarias os conselleiros Alfonso Rueda, Beatriz Mato, Agustín Hernández e Rosa Quintana. Ademais, marcharon con rumbo a San Caetano outros electos como José Manuel Álvarez-Campana, Susana López Abella ou Raquel Arias, todos para ocupar cargos políticos na Xunta. Seguir lendo

Poucos coñecen xa o ‘campión’

14 Out

“Case nos pelexábamos por levar os seus asuntos”. Quen fala é un empregado dunha xestoría luguesa. En pleno rebumbio a conta da Operación Campeón, lembra cun punto de nostalxia os nada afastados tempos nos que o empresario Jorge Dorribo chegaba “perfectamente peinado, coas súas gafas de marca e os seus zapatos caros” á oficina na que el traballaba. A visita de Dorribo significaba facer unha paréntese entre os asuntos habituais para, por exemplo, realizar algún trámite vinculado a un vehículo de alta gama ou informarse sobre produtos financeiros para mellorar as condicións dos traballadores de Laboratorios Nupel.

O relato deste administrativo -quen se esforza en subliñar que “todo” o que alí tramitaba Dorribo era “perfectamente legal”-, igual que o doutros empregados das empresas coas que tiña contacto habitual pode ser un bo resumo do papel social que chegou a adquirir na cidade de Lugo o agora considerado presunto líder dunha suposta trama para lograr axudas económicas das diferentes Administracións por vías alleas á lei. En apenas unha década o empresario que despegara grazas á creación dun produto para o coidado de tecidos de pel construía un emporio empresarial con base na cidade da Muralla. A medida que os seus negocios medraban, medraba tamén a súa presenza en círculos económicos e políticos. Así, a finais da pasada década era difícil que Dorribo non estivese presente na práctica totalidade de acontecementos de relevancia, compartindo charlas, mesa e mantel con empresarios, executivos, banqueiros e tamén con políticos de todo signo. Seguir lendo

A %d blogueros les gusta esto: