Tag Archives: 20N

‘Adianto técnico’ e técnicas de adianto

28 Nov

Feijóo, con Rueda nunha sesión de control / XOÁN CRESPO/XUNTA

Cada un fala dos adiantos electorais segundo lle vai neles. Algúns dos máis veteranos nas filas do PPdeG aínda lembran como tragaron de mala gana co anticipo dos comicios autonómicos de 2005, previstos para outubro daquel ano e  cuxa celebración forzaron en xuño “os de Madrid -en referencia á dirección estatal dos conservadores-“. Ao Goberno de Manuel Fraga, escaldado polo Prestige, a guerra de Iraq e a vitoria de Zapatero, quedáronlle no caixón varios proxectos de investimento, unha nova chuvia fina que podía cimentar unha nova maioría absoluta. Pero non lle deu tempo e as urnas deron lugar ao bipartito. De adiantos saben tamén no PSdeG. No verán de 2008, de Madrid -aínda que con voz galega, a de José Blanco– chegaron tamén recomendacións de adianto. O consello que recibíu Emilio Pérez Touriño era claro: se os galegos votaban no outono, repetiría como presidente dun novo bipartito, se votaban na primavera -cando correspondía- marcharía para a casa, como finalmente aconteceu.

Nestes días a política galega cheira de novo a adianto electoral. Aínda que o ruxe ruxe non é novo -existe dende hai un bo número de meses-, a confirmación da vitoria do PP nas xerais situouno en primeira liña da actualidade e os principais responsables dos populares galegos e da Xunta non contribúen precisamente a empequenecer as especulacións. Menos de vinte e catro horas despois do triunfo de Mariano Rajoy, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba que o PPdeG viña de “recibir dos cidadáns” o “mandato de seguir gobernando con rigor, valentía e tendo como obxectivo os intereses xerais”, pero evitaba afirmar con rotundidade que as eleccións serán cando toca, isto é, en marzo de 2013.

Seguir lendo

Advertisement

21N: Comezan as carreiras galegas

21 Nov

Extrapolación baseada nos resultados provisionais das xerais

Ao rematar o escrutinio das eleccións xerais acabadas de celebrar o presidente do PNV, Íñigo Urkullu, e o candidato de CiU ao Congreso, Josep Antoni Durán i Lleida, coincidían en tirar como unha das conclusións da noite que os seus respectivos mapas políticos, o vasco e o catalán, nada tiñan que ver co do resto do Estado, dado o seu pluripartidismo e a preeminencia de forzas propias. É evidente que no caso galego ese fenómeno non se produce con tal intensidade. Pero non o é menos que os comicios do 20N eran a sinal de saída para unha carreira que xa comezou este luns, a das vindeiras eleccións ao Parlamento galego, unha carreira que se corre polo menos en tres pistas: a da Xunta e o PPdeG, a do PSdeG e a do BNG e as súas correntes internas.

Aínda que resulte un exercicio de pura e dura política ficción mentiríamos se non dixésemos que na mente dos atletas destas tres carreiras está, aínda que sexa colateralmente, a composición que tería o hemiciclo do Pazo do Hórreo se os resultados do 20N se producisen nunhas autonómicas. Cunha participación do 71% -lixeiramente superior á dos comicios galegos de 2009- e 26.000 votos en branco, os 855.000 votos logrados polo PPdeG traduciríanse nunha folgadísima maioría absoluta da formación que lidera Alberto Núñez Feijóo. Unha vez aplicado o sistema d”Hondt, os populares pasarían dos 38 escanos actuais ata 44. Mentres, o PSdeG, que perdeu 300.000 votos nas xerais, perdería dous deputados e quedaría en 23. O gran prexudicado neste exercicio de ficción sería o BNG. Os nacionalistas sufrirían unha verdadeira debacle que os deixaría nuns exiguos 8 parlamentarios. Seguir lendo

Estreiteces na ‘tele’ electoral

2 Nov

Fonte: Junta Electoral Central [click para ampliar]

Malia ao estraño e case anestesiado ambiente na noite do xoves ao venres comezará a campaña para as eleccións a Cortes Xerais do vindeiro día 20. Nestes días previos as forzas políticas esfórzanse en aquelar a súa maquinaria electoral para poñela a pleno rendemento durante dúas semanas nas que, no caso galego, PP, PSdeG e BNG disputarán o espazo público para reclamar o voto dos cidadáns nun contexto de desafección, coa pantasma da abstención máis presente ca nunca. Neste escenario, un dos motivos habituais de refrega política é a presenza nos medios de comunicación, sobre todo nos públicos. Tanto a CRTVG como RTVE son observadas cronómetro en man polos responsables das campañas non só para calcular se son cumpridos os antixornalísticos bloques de información electoral, senón tamén para controlar a emisión dos seus vídeos nos espazos gratuitos de propaganda, regulados pola Lei do Réxime Electoral Xeral (Lorex). É precisamente nestes espazos e nos beneficios ou prexuízos que reportan a uns e outros nos que hoxe fixaremos a ollada.

O pasado 27 de outubro a Junta Electoral Central daba o seu visto e prace á distribución dos espazos electorais en Televisión Española e Radio Nacional de España baseándose nos criterios que estipula a Lorex. As desconexións galegas de TVE dedicarán 40 minutos á emisión de propaganda partidaria, dos cales 15 minutos serán para o PP -11 deputados no Congreso-, outros tantos para o PSdeG -10 deputados- e os 10 restantes para o BNG -dous deputados-.

Seguir lendo

A %d blogueros les gusta esto: