Tag Archives: A Coruña

Un axóuxere para tres aeroportos

3 Nov

Nova terminal de Lavacolla / AENA AEROPUERTOS

“Hoxen pechan Alvedro e Peinador, non?”. Un veterano xornalista galego lanzaba esta retórica pregunta cunha abondosa dose de retranca durante a inaguración oficial da nova terminal do aeroporto compostelán de Lavacolla, o pasado setembro. Baixo as cristaleiras do espectacular edificio, no que o Ministerio de Fomento investiu 230 millóns de euros, o experimentado informador verbalizaba o que moitos, especialmente no ámbito político, recoñecen polo baixo, isto é, o pouco defendible que resulta -especialmente en tempos de crise- seguir achegando fondos públicos simultaneamente a tres aeroportos en senllas cidades unidas entre si por pouco máis de setenta quilómetros de autoestrada.

Mentres se agarda pola xeración política que se atreva a poñerlle o axóuxere ao gato do minifundismo, algúns datos chegados dende o Goberno central e a Xunta nos últimos meses poden ofrecer algunha orientación para sustentar  os argumentos dos que ven insustentable o actual modelo aeroportuario galego. O pasado setembro, Aena Aeropuertos ofrecía as cifras de tráfico de pasaxeiros de todas as terminais do Estado. No caso galego, confirmábase o que xa é unha tendencia e que un gráfico amosa ás claras:

Fonte: Aena Aeropuertos

Seguir lendo

As nóminas provinciais chegan aos 142 millóns

26 Out

(millóns de euros) Fonte: Orzamentos Xerais da Xunta para 2012

Un total de 142,1 millóns de euros. Son os cartos que, segundo o recollido nos Orzamentos da Xunta para 2012, proxectaron gastar en persoal as catro deputacións galegas ao longo do presente 2011. É unha cantidade que, por exemplo, quintuplica o que investirá a Consellería de Presidencia en protección civil e seguridade ao longo de todo o ano que vén e que leva o 29,8% do diñeiro dispoñible nos entes provinciais. Con todo, esta partida orzamentaria non é homoxénea nas catro institucións, non todas gastan o mesmo nin do mesmo xeito e non todas se comportan igual a respecto do exercicio económico anterior.

Cun gasto de 44,5 millóns de euros, a Deputación de Pontevedra (PP) sitúase á cabeza no referido a gastos de persoal, igual que acontecía na partida de órganos de goberno. O segundo posto neste rexistro ocúpao a Deputación da Coruña (PSdeG-BNG ata xullo, PP na actualidade) con 40,2 millóns de euros, seguida de Ourense, que gasta 31,1 millóns. A táboa péchaa o organismo provincial de Lugo, que sufraga con 26,3 millóns de euros as nóminas do seu persoal.

Malia ás estreiteces económicas recoñecidas abertamente polo conxunto das Administracións -especialmente pola local- só unha das deputacións reduciu o seu gasto de persoal no ano electoral de 2011. Así, mentres a Deputación de Lugo aplicou unha importante tesoirada, pasando de 37 millóns en 2010 aos 26,3 actuais, na Coruña incrementáronse en 3,3 millóns os 36,9 que gastaran en 2010. Do mesmo xeito, en Pontevedra o gasto de persoal subíu 1,5 millóns a respecto dos 43 de hai un ano e en Ourense sumáronse 500.000 euros a esta partida.

Ourense, a máis cara por habitante Seguir lendo

Gobernar catro provincias custa 13 millóns

25 Out

Logotipos das catro deputacións provinciais

Os Orzamentos da Xunta para 2012 veñen de comezar o seu trámite parlamentario. É, polo tanto, o momento para que o conxunto da sociedade galega coñeza cales van ser as contas do Goberno para o vindeiro exercicio económico pero tamén para que obteña unha perspectiva de canto gastan e de como gastan as deputacións provinciais, institucións cuxa utilidade vén sendo cuestionada dende hai décadas dende diferentes foros, cuestionamento que a galopante crise económica está a agudizar.

En virtude do estipulado no Estatuto de Autonomía, os Orzamentos do Executivo galego incorporan unha memoria do último exercicio económico dos entes provinciais para, cando menos sobre o papel, promover a coordinación coa Xunta, en base a unha análise das contas das catro deputacións coas mesmas variables. Este método permite, por exemplo, coñecer un dos datos máis elocuentes sobre estas entidades: o que gastan en gobernarse, un montante agrupado polos técnicos da Administración autonómica baixo o epígrafe “órganos de goberno”, que en 2011 acadou unha cifra global de 13,22 millóns de euros entre as catro institucións e cuxa distribución é posible observar doadamente mediante un gráfico: Seguir lendo

A %d blogueros les gusta esto: