Manual de matemáticas en galego / CEIP López Ferreiro (Santiago)
“A Xunta de Galicia potenciará a produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe”. A Lei do Libro e da Lectura do ano 2006 convertía deste xeito en obriga legal o precepto instaurado dous anos antes polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), aprobado por unanimidade do Parlamento durante o último Goberno de Manuel Fraga, que instaba a “garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade” en galego. Con estes textos como base legal, o Executivo vén convocando anualmente unha liña de subvencións destinada a elaborar estes materiais que, nos apenas dous anos que transcorreron dende 2009, sufriu un desplome de ata o 72%.
A primeira gran tesoirada a estas axudas chegou no exercicio de 2010. Daquela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística recortou máis da metade do subsidio. Así, a orde “para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios” pasou dos 1,05 millóns de euros de 2008 e 2009 a un total de 501.617 euros. Esta importante caída, fortemente rexeitada dende o sector editorial galego, reproducíase o 1 de marzo deste ano. Daquela, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo convocaba as axudas “por unha contía máxima total de 400.000 euros”. Non obstante, a concesión das subvencións dilatouse no tempo ata que, o 7 de setembro, Política Lingüística as deixaba “sen efecto” amparándose na “política orzamentaria” e no “necesario equilibrio entre ingresos e gastos” na Xunta.
Tal e como prometera naqueles días o propio Lorenzo ante as diversas protestas da comunidade educativa e dos editores, esta orde volveuse publicar antes do remate do ano Seguir lendo