Tag Archives: Baltar

A Xunta agarda que o coche de Baltar “chegue a bo destino”

17 Out

Guerra (terceiro pola dereita), na presentación do proxecto/XUNTA

Vinte e tres de marzo de 2011. A menos de dous meses das eleccións municipais, o conselleiro de Industria, Javier Guerra, comparece ante os medios compartindo mesa co presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez, e varios altos executivos da compañía británica Xero.  En plena poxa de promesas electorais, o Goberno galego compracíase en anunciar un “firme compromiso”: achegaría “apoios públicos por case 11 millóns de euros” para que unha factoría de vehículos eléctricos se instalase na zona, nomeadamente no Concello de Melón. O investimento total na fábrica sería de 26 millóns e traduciríase en máis de 1.000 postos de traballo. Oito meses despois, a actitude do Executivo galego mudou notablemente e limítase a desexarlle un “bo destino” ao proxecto.

Esta é, precisamente, a resposta que o departamento de Guerra lle vén de dar a senllas preguntas parlamentarias que, presentadas por PSdeG e BNG, cuestionaban a Xunta sobre a instalación da factoría e as axudas económicas que recibirá Xero. En dous textos idénticos, Industria asegúralle a socialistas e nacionalistas que, “como é habitual nestes casos”, a consellería se limitou a “facer públicas as previsións de axudas públicas” que podería recibir o proxecto, sen maiores implicacións adicionais.

Seguir lendo

Advertisement
A %d blogueros les gusta esto: