Feijóo, con Rueda nunha sesión de control / XOÁN CRESPO/XUNTA
Cada un fala dos adiantos electorais segundo lle vai neles. Algúns dos máis veteranos nas filas do PPdeG aínda lembran como tragaron de mala gana co anticipo dos comicios autonómicos de 2005, previstos para outubro daquel ano e cuxa celebración forzaron en xuño “os de Madrid -en referencia á dirección estatal dos conservadores-“. Ao Goberno de Manuel Fraga, escaldado polo Prestige, a guerra de Iraq e a vitoria de Zapatero, quedáronlle no caixón varios proxectos de investimento, unha nova chuvia fina que podía cimentar unha nova maioría absoluta. Pero non lle deu tempo e as urnas deron lugar ao bipartito. De adiantos saben tamén no PSdeG. No verán de 2008, de Madrid -aínda que con voz galega, a de José Blanco– chegaron tamén recomendacións de adianto. O consello que recibíu Emilio Pérez Touriño era claro: se os galegos votaban no outono, repetiría como presidente dun novo bipartito, se votaban na primavera -cando correspondía- marcharía para a casa, como finalmente aconteceu.
Nestes días a política galega cheira de novo a adianto electoral. Aínda que o ruxe ruxe non é novo -existe dende hai un bo número de meses-, a confirmación da vitoria do PP nas xerais situouno en primeira liña da actualidade e os principais responsables dos populares galegos e da Xunta non contribúen precisamente a empequenecer as especulacións. Menos de vinte e catro horas despois do triunfo de Mariano Rajoy, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseguraba que o PPdeG viña de “recibir dos cidadáns” o “mandato de seguir gobernando con rigor, valentía e tendo como obxectivo os intereses xerais”, pero evitaba afirmar con rotundidade que as eleccións serán cando toca, isto é, en marzo de 2013.