O presidente entrégalle a Medalla de Galicia a Carracedo / XUNTA
A tarde do pasado 25 de xullo chovía sobre a Cidade da Cultura. O inacabado complexo, con complexo de Escorial, estreábase como escenario da entrega das Medallas de Galicia, a máis alta distinción do Goberno galego. Desta volta, era difícil que a Xunta acertase máis de cheo á hora de conceder o galardón. Os premiados eran o Instituto da Lingua Galega e o científico Ángel Carracedo, eminencia mundial e experto en xenética que calquera país normal -no sentido máis amplo do termo- situaría como referencia para os seus cidadáns. Pola súa valía, pola súa capacidade de traballo e pola súa humildade.
Naquel acto do Gaiás o eminente e humildísimo Carracedo empregou parte do seu discurso de agradecemento para reivindicar, dende a discreción que o caracteriza, pero para reivindicar. Ante a plana maior da política e da sociedade galega e tamén diante de representantes do Goberno central expuña as necesidades que os investigadores teñen para seguir co seu labor nos máis diversos ámbitos. Á Xunta demandáballe “un esforzo” para que a ciencia non fose máis damnificada pola crise. Ao Goberno central, comezar a saldar a “débeda histórica” no que a equipamentos e infraestruturas científicas se refire: “Os galegos producimos, proporcionalmente, máis do que recibimos”, resumía.
As verbas de Carradedo ao pé dos carísimos edificios deseñados por Peter Eisenman véñense de revelar como unha triste premonición. Seguir lendo