Extrapolación baseada nos resultados provisionais das xerais
Ao rematar o escrutinio das eleccións xerais acabadas de celebrar o presidente do PNV, Íñigo Urkullu, e o candidato de CiU ao Congreso, Josep Antoni Durán i Lleida, coincidían en tirar como unha das conclusións da noite que os seus respectivos mapas políticos, o vasco e o catalán, nada tiñan que ver co do resto do Estado, dado o seu pluripartidismo e a preeminencia de forzas propias. É evidente que no caso galego ese fenómeno non se produce con tal intensidade. Pero non o é menos que os comicios do 20N eran a sinal de saída para unha carreira que xa comezou este luns, a das vindeiras eleccións ao Parlamento galego, unha carreira que se corre polo menos en tres pistas: a da Xunta e o PPdeG, a do PSdeG e a do BNG e as súas correntes internas.
Aínda que resulte un exercicio de pura e dura política ficción mentiríamos se non dixésemos que na mente dos atletas destas tres carreiras está, aínda que sexa colateralmente, a composición que tería o hemiciclo do Pazo do Hórreo se os resultados do 20N se producisen nunhas autonómicas. Cunha participación do 71% -lixeiramente superior á dos comicios galegos de 2009- e 26.000 votos en branco, os 855.000 votos logrados polo PPdeG traduciríanse nunha folgadísima maioría absoluta da formación que lidera Alberto Núñez Feijóo. Unha vez aplicado o sistema d”Hondt, os populares pasarían dos 38 escanos actuais ata 44. Mentres, o PSdeG, que perdeu 300.000 votos nas xerais, perdería dous deputados e quedaría en 23. O gran prexudicado neste exercicio de ficción sería o BNG. Os nacionalistas sufrirían unha verdadeira debacle que os deixaría nuns exiguos 8 parlamentarios. Seguir lendo