Tag Archives: Parlamento

A ‘tesoira’ desploma un 73% as axudas ao emprego

20 Out

A conselleira de Traballo, nun acto sindical / XUNTA

“Intentar paliar, na medida das posibilidades que temos, os efectos devastadores no emprego da crise económica”. Esta é unha das declaracións intencións lanzadas o pasado martes pola Xunta ao trazar as liñas mestras dos seus Orzamentos de 2012. Mentres esas contas do vindeiro exercicicio se comezan a tramitar no Parlamento, o propio Goberno galego continúa a realizar axustes “coa finalidade de poder cumprir con obxectivos de estabilidade orzamentaria da Facenda da Comunidade Autónoma”. Ese cumprimento, admite a Xunta en varias ordes publicadas no Diario Oficial de Galicia, deriva en “medidas de recorte” que, desta volta, fan caer un 73% os 5,7 millóns que a Consellería de Traballo destinara para fomentar o emprego en distintos ámbitos ao longo de 2011.

Nomeadamente, o departamento que dirixe Beatriz Mato aplicou a tesoira nos últimos días a tres liñas diferentes de axudas. A que contaba cunha maior dotación orzamentaria ata este xoves tiña como obxectivo o “fomento do emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro”. Dentro deste paquete, as institucións beneficiarias podían optar ou ben polos subsidios para a “contratación de traballadores e traballadoras desempregados/as e mulleres vítimas de violencia para a realización de obras ou servizos de interese xeral e socia” ou  ben por unha subvención para “contratación de axentes de emprego e unidades administrativas de apoio”. A suma de ambas liñas supuña un montante global de axudas de 2,4 millóns de euros que, tras o recorte, queda en 1,2 millóns.

Seguir lendo

Un ‘cambio’ de 600.000 euros na TVG

19 Out

Logotipo do programa / AVG

Son tempos convulsos para os medios de comunicación en xeral e e a Compañía de Radio Televisión de Galicia (Crtvg) non escapa a eles. Ben ao contrario, a tramitación da nova lei que rexerá a TVG e a Radio Galega está a xerar unha fonda controversia. Os traballadores aseguran ver sobre as súas cabezas a sombra da privatización e do desmantelamento nunhas protestas que xa xeraron as primeiras “represalias”, denuncian.

Neste escenario, no que dende instancias oficiais se cuestiona o gasto destes medios públicos, unha lixeira operación de mergullo nos arquivos parlamentarios permite coñecer, por exemplo, o custe dun dos formatos que, a priori, poderían distar en maior medida da vocación de “servizo público” que se lle presupón ao ente: o reality Gran Cambio,  un “programa de telerrealidade no que catorce participantes comprométense a adelgazar e adquirir hábitos de vida saudables -segundo a súa ficha no portal do audiovisual galego-” que supuxo un investimento superior ao medio millón de euros.

Seguir lendo

A Xunta agarda que o coche de Baltar “chegue a bo destino”

17 Out

Guerra (terceiro pola dereita), na presentación do proxecto/XUNTA

Vinte e tres de marzo de 2011. A menos de dous meses das eleccións municipais, o conselleiro de Industria, Javier Guerra, comparece ante os medios compartindo mesa co presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez, e varios altos executivos da compañía británica Xero.  En plena poxa de promesas electorais, o Goberno galego compracíase en anunciar un “firme compromiso”: achegaría “apoios públicos por case 11 millóns de euros” para que unha factoría de vehículos eléctricos se instalase na zona, nomeadamente no Concello de Melón. O investimento total na fábrica sería de 26 millóns e traduciríase en máis de 1.000 postos de traballo. Oito meses despois, a actitude do Executivo galego mudou notablemente e limítase a desexarlle un “bo destino” ao proxecto.

Esta é, precisamente, a resposta que o departamento de Guerra lle vén de dar a senllas preguntas parlamentarias que, presentadas por PSdeG e BNG, cuestionaban a Xunta sobre a instalación da factoría e as axudas económicas que recibirá Xero. En dous textos idénticos, Industria asegúralle a socialistas e nacionalistas que, “como é habitual nestes casos”, a consellería se limitou a “facer públicas as previsións de axudas públicas” que podería recibir o proxecto, sen maiores implicacións adicionais.

Seguir lendo

Poucos coñecen xa o ‘campión’

14 Out

“Case nos pelexábamos por levar os seus asuntos”. Quen fala é un empregado dunha xestoría luguesa. En pleno rebumbio a conta da Operación Campeón, lembra cun punto de nostalxia os nada afastados tempos nos que o empresario Jorge Dorribo chegaba “perfectamente peinado, coas súas gafas de marca e os seus zapatos caros” á oficina na que el traballaba. A visita de Dorribo significaba facer unha paréntese entre os asuntos habituais para, por exemplo, realizar algún trámite vinculado a un vehículo de alta gama ou informarse sobre produtos financeiros para mellorar as condicións dos traballadores de Laboratorios Nupel.

O relato deste administrativo -quen se esforza en subliñar que “todo” o que alí tramitaba Dorribo era “perfectamente legal”-, igual que o doutros empregados das empresas coas que tiña contacto habitual pode ser un bo resumo do papel social que chegou a adquirir na cidade de Lugo o agora considerado presunto líder dunha suposta trama para lograr axudas económicas das diferentes Administracións por vías alleas á lei. En apenas unha década o empresario que despegara grazas á creación dun produto para o coidado de tecidos de pel construía un emporio empresarial con base na cidade da Muralla. A medida que os seus negocios medraban, medraba tamén a súa presenza en círculos económicos e políticos. Así, a finais da pasada década era difícil que Dorribo non estivese presente na práctica totalidade de acontecementos de relevancia, compartindo charlas, mesa e mantel con empresarios, executivos, banqueiros e tamén con políticos de todo signo. Seguir lendo

Facer

13 Out

En abril de 2010 a quen asina estas liñas ofrecíaselle a posibilidade de abrir unha fiestra persoal en Xornal.com, a daquela versión dixital do diario de papel Xornal de Galicia. Dese ofrecemento nacía o Asento 76, un blog co obxectivo -se cadra ambicioso, se cadra grandilocuente- de ofrecer “outra mirada do Parlamento” no que o seu autor fixo máis ou menos o que puido, máis ou menos cando puido.

Se vostede chegou a este remozado Asento 76 significa que, moi probablemente, sabe que a casa na que se abriu aquela fiestra pecha por derrubamento, así que aforraremos o exercicio de mergullármonos de novo en augas que, despois de seren bravas, tiveron que tornar mansas e case chocas. Abramos, polo tanto, un novo e modesto buraco na parede dun oficio, o xornalismo, que non pasa por bos momentos.

Conservamos o nome e o espírito, aínda que cunha visión un chisco máis ampla. No Parlamento hai 75 asentos, aspiramos a ocupar un simbólico Asento 76 dende o que botarlle unha ollada ao que fan os representantes dos galegos no foro parlamentario, pero tamén ao labor da Xunta, á política en xeral, aos asuntos do xornalismo e ás cousas da vida. Sobre tres cadeiras de cores ben identificables, este edificio en construción medrará, mudará a estrutura e mesmo pode caer. Estas son as intencións; como ben dixo Xosé Manuel Pereiro hai poucos meses, “o que hai que facer é facer“. Niso andamos.

A %d blogueros les gusta esto: