Fonte: Xunta de Galicia
Transparencia. En tempos de convulsión económica e desconfianza na dada en chamar “clase política”, especialmente naquela con responsabilidades de mando, o acceso á información sobre os gobernos e os gobernantes adoita ser unha das principais reivindicacións. A Xunta comezou a facer os deberes neste ámbito no ano 2006. Daquela, o Executivo bipartito sacaba adiante a Lei de Transparencia, un texto que permitiu, entre outros aspectos referentes ao funcionamento da Administración, coñecer o soldo exacto do presidente, dos conselleiros e dos altos cargos. Malia ser un significativo avance nun escenario de forte opacidade, aquel proxecto -duramente descualificado polo PPdeG dende a oposición- deixou fóra aspectos relevantes, como regular a publicidade do patrimonio das persoas que compoñen o Goberno.
En plena treboada económico-financeira e quizais impulsado polo influxo de movementos como o 15M, o Executivo galego vén de completar ese movemento de transparencia, publicando no Diario Oficial de Galicia o patrimonio do presidente e dos conselleiros na mesma xornada en que, segundo o anunciado, se farán públicas as declaracións de bens dos membros do Parlamento. Ambas decisións chegan despois de que o Goberno central e as Cortes Xerais decidisen amosar o patrimonio dos seus integrantes. Aínda que no caso galego diversas voces da oposición parlamentaria se amosaban convencidas de que o PP accedería a publicar os bens dos deputados pero non os do Goberno, finalmente esta publicación existe e, dende hoxe, as cifras son públicas.
Aínda que cun grao de detalle non excesivamente alto, os galegos xa poden saber, por exemplo, que o conselleiro de Industria, Javier Guerra, é de lonxe o membro do Goberno cunhas contas máis saneadas Seguir lendo