Tag Archives: Pereiro

Facer

13 Out

En abril de 2010 a quen asina estas liñas ofrecíaselle a posibilidade de abrir unha fiestra persoal en Xornal.com, a daquela versión dixital do diario de papel Xornal de Galicia. Dese ofrecemento nacía o Asento 76, un blog co obxectivo -se cadra ambicioso, se cadra grandilocuente- de ofrecer “outra mirada do Parlamento” no que o seu autor fixo máis ou menos o que puido, máis ou menos cando puido.

Se vostede chegou a este remozado Asento 76 significa que, moi probablemente, sabe que a casa na que se abriu aquela fiestra pecha por derrubamento, así que aforraremos o exercicio de mergullármonos de novo en augas que, despois de seren bravas, tiveron que tornar mansas e case chocas. Abramos, polo tanto, un novo e modesto buraco na parede dun oficio, o xornalismo, que non pasa por bos momentos.

Conservamos o nome e o espírito, aínda que cunha visión un chisco máis ampla. No Parlamento hai 75 asentos, aspiramos a ocupar un simbólico Asento 76 dende o que botarlle unha ollada ao que fan os representantes dos galegos no foro parlamentario, pero tamén ao labor da Xunta, á política en xeral, aos asuntos do xornalismo e ás cousas da vida. Sobre tres cadeiras de cores ben identificables, este edificio en construción medrará, mudará a estrutura e mesmo pode caer. Estas son as intencións; como ben dixo Xosé Manuel Pereiro hai poucos meses, “o que hai que facer é facer“. Niso andamos.

A %d blogueros les gusta esto: