Tag Archives: PP

Protexer Meirás: 9.000 ou 32.000 euros?

24 Out

Fachada principal do Pazo de Meirás / XUNTA

Das múltiples refregas políticas entre o Goberno bipartito e a oposición do PPdeG a suscitada en torno á declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural (BIC) e a súa conseguinte apertura ao público foi unha das máis mediáticas. O resultado ditado polas urnas o 1 de marzo de 2009 provocou, non obstante, que fose o Executivo popular o encargado de xestionar o treito final e máis delicado do proceso, o inicio das visitas ao recinto que fora propiedade de Emilia Pardo Bazán pero cuxa controversia vén dada por ter sido residencia de verán de Francisco Franco, a quen se lle entregou o edificio a través dunha cuestación forzosa por parte das forzas vivas da ditadura. Ao abrirse o pazo, o pasado marzo, xurdían algúns interrogantes: habería compensacións económicas para a familia do ditador? O peto dos contribuíntes viríase resentido coa apertura de Meirás?

Sete meses despois algúns deses interrogantes foron xa respondidos de maneira máis ou menos explícita polo Goberno galego, se ben o volume de cartos públicos destinados ata o momento a abrir Meirás pode oscilar, cando menos, entre uns 9.500  euros e algo máis de 30.000.  A primeira destas cifras era revelada no Parlamento o pasado abril. A preguntas da oposición, o secretario xeral de Cultura, Antonio Fernández Campa, recoñecía que, malia “non existir ningunha obriga recoñecida” na Lei de Patrimonio Cultural, a Xunta considerara “axeitado” asumir os custes da seguridade do inmoble durante as visitas, pactadas coa familia Franco a través dun convenio. Campa estimaba o custe da seguridade do pazo nuns 9.513 euros para todo 2011, cifra que podería “variar lixeiramente” en caso de ser necesarios reforzos puntuais, especificaba.

Vacacións en Meirás, preguntas e novo gasto

Seguir lendo

A Xunta agarda que o coche de Baltar “chegue a bo destino”

17 Out

Guerra (terceiro pola dereita), na presentación do proxecto/XUNTA

Vinte e tres de marzo de 2011. A menos de dous meses das eleccións municipais, o conselleiro de Industria, Javier Guerra, comparece ante os medios compartindo mesa co presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez, e varios altos executivos da compañía británica Xero.  En plena poxa de promesas electorais, o Goberno galego compracíase en anunciar un “firme compromiso”: achegaría “apoios públicos por case 11 millóns de euros” para que unha factoría de vehículos eléctricos se instalase na zona, nomeadamente no Concello de Melón. O investimento total na fábrica sería de 26 millóns e traduciríase en máis de 1.000 postos de traballo. Oito meses despois, a actitude do Executivo galego mudou notablemente e limítase a desexarlle un “bo destino” ao proxecto.

Esta é, precisamente, a resposta que o departamento de Guerra lle vén de dar a senllas preguntas parlamentarias que, presentadas por PSdeG e BNG, cuestionaban a Xunta sobre a instalación da factoría e as axudas económicas que recibirá Xero. En dous textos idénticos, Industria asegúralle a socialistas e nacionalistas que, “como é habitual nestes casos”, a consellería se limitou a “facer públicas as previsións de axudas públicas” que podería recibir o proxecto, sen maiores implicacións adicionais.

Seguir lendo

Poucos coñecen xa o ‘campión’

14 Out

“Case nos pelexábamos por levar os seus asuntos”. Quen fala é un empregado dunha xestoría luguesa. En pleno rebumbio a conta da Operación Campeón, lembra cun punto de nostalxia os nada afastados tempos nos que o empresario Jorge Dorribo chegaba “perfectamente peinado, coas súas gafas de marca e os seus zapatos caros” á oficina na que el traballaba. A visita de Dorribo significaba facer unha paréntese entre os asuntos habituais para, por exemplo, realizar algún trámite vinculado a un vehículo de alta gama ou informarse sobre produtos financeiros para mellorar as condicións dos traballadores de Laboratorios Nupel.

O relato deste administrativo -quen se esforza en subliñar que “todo” o que alí tramitaba Dorribo era “perfectamente legal”-, igual que o doutros empregados das empresas coas que tiña contacto habitual pode ser un bo resumo do papel social que chegou a adquirir na cidade de Lugo o agora considerado presunto líder dunha suposta trama para lograr axudas económicas das diferentes Administracións por vías alleas á lei. En apenas unha década o empresario que despegara grazas á creación dun produto para o coidado de tecidos de pel construía un emporio empresarial con base na cidade da Muralla. A medida que os seus negocios medraban, medraba tamén a súa presenza en círculos económicos e políticos. Así, a finais da pasada década era difícil que Dorribo non estivese presente na práctica totalidade de acontecementos de relevancia, compartindo charlas, mesa e mantel con empresarios, executivos, banqueiros e tamén con políticos de todo signo. Seguir lendo

A %d blogueros les gusta esto: