Tag Archives: Varela

O Gaiás xera ingresos?

28 Out

Nubes sobre a Cidade da Cultura / DAVID LOMBAO

“É incrible que alguén poida construír isto”. “Este edificio é unha tolería”.  Son algunhas das frases que o condutor do programa Megaconstrucciones, producido por Discovery Channel e tamén emitido por laSexta, lle dedicou á Cidade da Cultura. No seu paseo polo compostelán monte Gaiás, o documental glosaba a “delirante marabilla” de 265.000 metros cadrados e deixaba caer varias preguntas indisimuladamente: que impulsa a unha Administración pública a iniciar este proxecto? Como o financia? Cando menos no ámbito político, a primeira das preguntas  foi xa máis ou menos respondida en diversos foros. A segunda volve estar de actualidade nestes días, despois de que a Xunta anunciase, a través do presidente nos titulares e do conselleiro de Cultura nos detalles, que os edificios que quedan sen construír no complexo continuarán así, cando menos, ata 2014. Despois, asegura Alberto Núñez Feijóo, serán “os galegos” os que “decidan” que facer.

Un lixeiro mergullo nos arquivos parlamentarios permite coñecer ou, cando menos, contextualizar un pouco a segunda parálise das obras do Gaiás, tomada por un Executivo do mesmo signo que o que as iniciou e de signo oposto que o primeiro que as parou. Poucos días antes do anuncio de Feijóo a Consellería de Cultura remitíalle á vicevoceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón, unha resposta a unha pregunta escrita. A nacionalista cuestionara o Goberno sobre os “ingresos derivados da apertura de dous edificios da Cidade da Cultura” e dende o departamento que dirixe Roberto Varela chegaron dous folios coa contestación. Seguir lendo

Advertisement

Protexer Meirás: 9.000 ou 32.000 euros?

24 Out

Fachada principal do Pazo de Meirás / XUNTA

Das múltiples refregas políticas entre o Goberno bipartito e a oposición do PPdeG a suscitada en torno á declaración do Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural (BIC) e a súa conseguinte apertura ao público foi unha das máis mediáticas. O resultado ditado polas urnas o 1 de marzo de 2009 provocou, non obstante, que fose o Executivo popular o encargado de xestionar o treito final e máis delicado do proceso, o inicio das visitas ao recinto que fora propiedade de Emilia Pardo Bazán pero cuxa controversia vén dada por ter sido residencia de verán de Francisco Franco, a quen se lle entregou o edificio a través dunha cuestación forzosa por parte das forzas vivas da ditadura. Ao abrirse o pazo, o pasado marzo, xurdían algúns interrogantes: habería compensacións económicas para a familia do ditador? O peto dos contribuíntes viríase resentido coa apertura de Meirás?

Sete meses despois algúns deses interrogantes foron xa respondidos de maneira máis ou menos explícita polo Goberno galego, se ben o volume de cartos públicos destinados ata o momento a abrir Meirás pode oscilar, cando menos, entre uns 9.500  euros e algo máis de 30.000.  A primeira destas cifras era revelada no Parlamento o pasado abril. A preguntas da oposición, o secretario xeral de Cultura, Antonio Fernández Campa, recoñecía que, malia “non existir ningunha obriga recoñecida” na Lei de Patrimonio Cultural, a Xunta considerara “axeitado” asumir os custes da seguridade do inmoble durante as visitas, pactadas coa familia Franco a través dun convenio. Campa estimaba o custe da seguridade do pazo nuns 9.513 euros para todo 2011, cifra que podería “variar lixeiramente” en caso de ser necesarios reforzos puntuais, especificaba.

Vacacións en Meirás, preguntas e novo gasto

Seguir lendo

A ‘tesoira’ deixa sen axudas ás asociacións culturais

18 Out

Indicadores nas cubertas do Arquivo de Galicia, no Gaiás / DAVID LOMBAO

A tesoira volveu caer aberta da mesa e volveu impactar na cultura, desta volta, na súa base. Na mesma xornada en que o Consello da Xunta inicia formalmente os trámites dos Orzamentos Xerais de 2012 -unha xuntanza extraordinaria do Executivo dá este martes luz verde ás contas- o Goberno galego culmina un proceso que fará que os colectivos culturais galegos vexan o seu futuro inmediato un pouco máis costa arriba, se cadra tan empinado como as cubertas da Cidade da Cultura.

Cinco meses despois de tela publicado, a Consellería de Cultura vén de “deixar sen efecto” a orde que, ditada o pasado maio, aprobaba “as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a fundacións, asociacións e institucións culturais que desenvolven as súas actividades en Galicia”. O montante económico que o departamento dirixido por Roberto Varela prevía destinar a estes subsidios elevábase aos 300.000 euros e a súa finalidade non era outra que impulsar o “funcionamento” destas entidades culturais e “a realización de programas e actividades culturais” a través das mesmas.

Seguir lendo

A %d blogueros les gusta esto: