As axudas ao libro escolar en galego volven minguadas

26 Dec

Manual de matemáticas en galego / CEIP López Ferreiro (Santiago)

“A Xunta de Galicia potenciará a produción editorial en galego mediante unha liña de axudas que asegure a existencia dunha oferta suficiente de materiais didácticos naquelas áreas en que a lexislación educativa determine que a lingua galega sexa a vehicular da súa aprendizaxe”. A Lei do Libro e da Lectura do ano 2006 convertía deste xeito en obriga legal o precepto instaurado dous anos antes polo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), aprobado por unanimidade do Parlamento durante o último Goberno de Manuel Fraga, que instaba a “garantir unha oferta de materiais didácticos de calidade” en galego. Con estes textos como base legal, o Executivo vén convocando anualmente unha liña de subvencións destinada a elaborar estes materiais que, nos apenas dous anos que transcorreron dende 2009, sufriu un desplome de ata o 72%.

A primeira gran tesoirada a estas axudas chegou no exercicio de 2010. Daquela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística recortou máis da metade do subsidio. Así, a orde “para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios” pasou dos 1,05 millóns de euros de 2008 e 2009 a un total de 501.617 euros. Esta importante caída, fortemente rexeitada dende o sector editorial galego, reproducíase o 1 de marzo deste ano. Daquela, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo convocaba as axudas “por unha contía máxima total de 400.000 euros”. Non obstante, a concesión das subvencións dilatouse no tempo ata que, o 7 de setembro, Política Lingüística as deixaba “sen efecto” amparándose na “política orzamentaria” e no “necesario equilibrio entre ingresos e gastos” na Xunta.

Tal e como prometera naqueles días o propio Lorenzo ante as diversas protestas da comunidade educativa e dos editores, esta orde volveuse publicar antes do remate do ano. Así, o Diario Oficial de Galicia recolle este luns a convocatoria das axudas cun importe asignado de 300.000 euros, culminando unha fortísima caída doada de observar mediante un gráfico:

Fonte: Xunta de Galicia

Así as cousas, é de supoñer que o novo recorte nos incentivos para a publicación de materiais escolares en galego volverá causar malestar en quen elabora estes manuais -en papel e dixitais- e naqueles que os utilizan para ensinar nos colexios. Ademais, a este malestar pódeselle engadir unha inquedanza derivada do texto da orde da Consellería de Educación, na que se inclúe unha advertencia que no figuraba nas convocatorias anteriores: “En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012”, subliña o departamento de Jesús Vázquez.

Advertisement

Unha resposta a “As axudas ao libro escolar en galego volven minguadas”

Trackbacks/Pingbacks

  1. Brétemas » Onte 110: Repesca - 27 de Decembro de 2011

    […] expedientes de gasto e por unha contía máxima de 300.000 euros, constitúe outro capítulo dese devalo, até agora imparable, da política de apoio ao libro educativo en galego do Goberno de Alberto […]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: