PP, PSdeG e BNG e a ex conselleira, anunciando o pacto pola lingua en 2007
O día da presentación dos Orzamentos Xerais no Parlamento é un día de especial traballo nas redaccións dos medios de comunicación (no caso galego, dos medios que van quedando). É unha xornada de mergullarse en táboas infindas e apostar, decidir onde se ataca para amosarlle ao lector unha primeira impresión das contas da Xunta para o seguinte ano. Nesa tesitura pódese optar, esencialmente, por dúas estratexias: tentar ofrecer unha panorámica do proxecto financeiro ou ir ao detalle, buscar algo concreto e tanxible. Dada a magnitude do plan orzamentario, que agora comeza un longo debate na Cámara, realizaremos o primeiro achegamento optando pola segunda vía, indo ao detalle. Viaxen con nós.
Sobrevoamos o orzamento da Consellería de Educación e planeamos sobre o que hai doce meses foi un dos puntos máis controvertidos: o gasto en cambiar libros de texto en galego pola súa versión castelá. Ao tomar terra chegamos ás táboas nas que se recollen as contas da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e, no programa de “servizos e axudas complementarias da ensinanza” observamos que o epígrafe “axudas libros de texto e material escolar” medra por segundo ano consecutivo.
Se en 2010 o departamento que dirixe Jesús Vázquez dotaba a esta partida con 8,5 millóns en 2010 e con 10,8 en 2011, desta volta Educación volve sumar millóns e chega aos 15. Ademais, o seguinte epígrafe, co mesmo nome pero coa engádega do termo “plurilingüismo” continúa a existir pero cae notablemente e pasa de 2 millóns de euros a só 50.000. Cal é o destino desta cantidade? Sufragar a substitución dos derradeiros libros de texto procedentes do programa de préstamo creado polo bipartito de PSdeG e BNG, manuais que estaban redactados en galego pero que o denominado Decreto do Plurilingüismo encadra nas materias que se han de impartir en castelán.
A propia memoria dos Orzamentos explica, aínda que dun xeito pouco explícito, o destino destas cantidades. Este programa das contas de 2012, explica, “sustenta a orde de convocatoria de axudas do modelo de Gratuidade Solidaria -axudas parciais para a compra dos libros-” e garante a súa “plena implantación”, isto é, que o sistema de préstamo desapareza en todos os cursos. Así as cousas, con estes 50.000 euros desaparecen os derradeiros libros redactados en galego en virtude do decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, documento inicialmente pactado por PP, PSdeG e BNG pero que finalmente estivo só apoiado por socialistas e nacionalistas, daquela socios de Goberno. Do mesmo xeito, esta partida orzamentaria deixa outro interrogante no aire, o porqué do incremento dos cartos destinados a sufragar a chamada “Gratuidade Solidaria” se, segundo a memoria económica das contas é un modelo que se adapta “á realidade dos mercados e á situación económica actual” isto é, resulta, teoricamente, máis económico que o anterior modelo de préstamo e gratuidade universal, segundo a Xunta.
Deixar unha resposta