As nóminas provinciais chegan aos 142 millóns

26 Out

(millóns de euros) Fonte: Orzamentos Xerais da Xunta para 2012

Un total de 142,1 millóns de euros. Son os cartos que, segundo o recollido nos Orzamentos da Xunta para 2012, proxectaron gastar en persoal as catro deputacións galegas ao longo do presente 2011. É unha cantidade que, por exemplo, quintuplica o que investirá a Consellería de Presidencia en protección civil e seguridade ao longo de todo o ano que vén e que leva o 29,8% do diñeiro dispoñible nos entes provinciais. Con todo, esta partida orzamentaria non é homoxénea nas catro institucións, non todas gastan o mesmo nin do mesmo xeito e non todas se comportan igual a respecto do exercicio económico anterior.

Cun gasto de 44,5 millóns de euros, a Deputación de Pontevedra (PP) sitúase á cabeza no referido a gastos de persoal, igual que acontecía na partida de órganos de goberno. O segundo posto neste rexistro ocúpao a Deputación da Coruña (PSdeG-BNG ata xullo, PP na actualidade) con 40,2 millóns de euros, seguida de Ourense, que gasta 31,1 millóns. A táboa péchaa o organismo provincial de Lugo, que sufraga con 26,3 millóns de euros as nóminas do seu persoal.

Malia ás estreiteces económicas recoñecidas abertamente polo conxunto das Administracións -especialmente pola local- só unha das deputacións reduciu o seu gasto de persoal no ano electoral de 2011. Así, mentres a Deputación de Lugo aplicou unha importante tesoirada, pasando de 37 millóns en 2010 aos 26,3 actuais, na Coruña incrementáronse en 3,3 millóns os 36,9 que gastaran en 2010. Do mesmo xeito, en Pontevedra o gasto de persoal subíu 1,5 millóns a respecto dos 43 de hai un ano e en Ourense sumáronse 500.000 euros a esta partida.

Ourense, a máis cara por habitante

(euros) Fonte: Orzamentos Xerais da Xunta para 2012

Aínda que a primeira achega aos datos levaría a concluír que a Deputación de Pontevedra é a que máis cara lles sae aos contribuíntes no que a gastos de persoal se refire, esa visión pode mudar ao ter en conta un dato esencial na prestación de servizos por parte de calquera Administración pública: o número de habitantes do seu territorio, dado que non é o mesmo atender o 1,1 millóns de persoas que viven na provincia da Coruña ou os 962.000 habitantes de Pontevedra que os 353.000 de Lugo ou os 335.000 de Ourense. Neste escenario, é precisamente a provincia con máis poboación a que menos gasta en persoal por habitante e a que menos habitantes ten, a que encabeza este rexistro.

Segundo os datos recollidos polos técnicos da Consellería de Facenda, a institución ourensá gasta en 2011 un total de 93 euros por habitante para pagarlle ao seu persoal. Mentres, a provincia máis semellante a Ourense en termos de poboación, Lugo, deixa este gasto en 75 euros por habitante. Lonxe das provincias interiores están as atlánticas; Pontevedra, a máis cara en termos absolutos, gasta 46 euros por habitante e A Coruña, a máis poboada fai o propio con 36,9 euros.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: